A Deputación e o Colexio da Avogacía de Ourense impulsarán un servizo de asesoramento a vítimas en situacións de emerxencia

OurenseXa
A Deputación e o Colexio da Avogacía de Ourense impulsarán un servizo de asesoramento a vítimas en situacións de emerxencia
dep-ourense-colexio-abogados
13 Nov 2025

Ambas institucións abordan a posibilidade de establecer un dispositivo de asesoramento rápido e eficaz ante situacións como a vaga de incendios forestais vivida este verán.

A Deputación de Ourense e o Colexio da Avogacía de Ourense traballarán conxuntamente para poñer en marcha un servizo de asistencia xurídica destinado a vítimas e persoas afectadas por emerxencias na provincia. Así se acordou nunha reunión mantida entre o presidente da Deputación, Luis Menor, e a decana do Colexio, Marta Gómez Álvarez, xunto con outros membros da directiva.

Durante o encontro, ambas partes abordaron a posibilidade de establecer un dispositivo de asesoramento rápido e eficaz ante situacións como a vaga de lumes forestais vivida este verán. Segundo explicou Luis Menor, “desde a Deputación, amosamos a total colaboración coas administracións competentes para que este servizo poida ser unha realidade e que poidamos estar mellor preparados fronte a situacións como as ocorridas na vaga de incendios do pasado verán”.

Outro dos asuntos tratados foi a entrada en vigor da nova Lei de Tribunal de Instancia, unha norma que preocupa ao goberno provincial polo seu posible impacto na atención ás vítimas de violencia de xénero. Neste sentido, Menor sinalou que a nova lexislación “centraliza boa parte desta xurisdición na capital de provincia, o que provoca un afastamento do lugar onde debería ser reparado e tramitado o procedemento”. Por iso, reclamou “a restauración da situación anterior e, no seu caso, outras medidas que sexan menos prexudiciais, sobre todo para as vítimas e para todos aqueles afectados na causa”.

Finalmente, tamén se abordaron as dificultades que afectan ao turno de oficio, especialmente no ámbito económico. “Recollémolas, escoitámolas e trasladámolas en solidariedade, confiando en que tamén teñan acollida por parte das administracións competentes”, concluíu o presidente provincial.

⚙ Configurar cookies
0.073980093002319