A Deputación e o Colexio de Economistas de Ourense impulsan a reactivación do Observatorio Económico provincial

OurenseXa
O observatorio permitirá contar cunha ferramenta de análise para a toma de decisións económicas e para coñecer con maior precisión a evolución da actividade económica na provincia
dep-ourense-clexi-economistas
1 Apr 2026

A Deputación de Ourense e o Colexio de Economistas da provincia acordaron reforzar a súa colaboración e avanzar na reactivación do Observatorio Económico, unha ferramenta destinada a mellorar a análise da realidade económica ourensá e apoiar a toma de decisións.

O presidente da Deputación, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo coa directiva do Colexio de Economistas, encabezada pola súa decana, Carmen Sampayo, na que ambas entidades coincidiron na importancia de renovar a cooperación que manteñen desde hai anos e de impulsar este instrumento de análise.

Menor destacou o papel do Colexio de Economistas de Ourense, que reúne a máis de 400 profesionais e mantén unha relación directa co tecido produtivo, así como con asociacións empresariais e polígonos industriais da provincia. Neste contexto, felicitou tamén a Carmen Sampayo polo seu nomeamento como vicepresidenta primeira do Consello Galego de Economistas, un recoñecemento que, segundo sinalou, “pon en valor o traballo realizado polo Colexio de Economistas de Ourense e reforza a presenza da provincia nos órganos autonómicos de decisión”.

Un dos puntos centrais da reunión foi a reactivación do Observatorio Económico da provincia, que, segundo explicou o presidente provincial, permitirá contar cunha ferramenta de análise para mellorar a toma de decisións e seguir a evolución da actividade económica con maior precisión. “Trátase dun proxecto moi interesante que servirá de guía para adoptar decisións e seguir de preto o día a día da economía ourensá”, apuntou.

Pola súa banda, Carmen Sampayo agradeceu a colaboración institucional e subliñou a relevancia deste tipo de alianzas para o desenvolvemento económico do territorio, sinalando que “repercute directamente nos máis de 400 economistas da provincia e no conxunto do tecido produtivo”. Ademais, puxo o foco na importancia de que as provincias do interior teñan maior presenza nos espazos de decisión e avanzou o compromiso do Colexio coa xeración e transferencia de coñecemento, especialmente a través do impulso do Observatorio Económico.

0.13276696205139