A Deputación presenta “A Virxe do Cristal: lenda, roubo, asasinato”

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu hoxe a presentación do libro “A Virxe do Cristal: lenda, roubo, asasinato”, unha obra colectiva que reivindica a memoria histórica, a identidade cultural e o valor simbólico dun dos elementos patrimoniais máis singulares da provincia de Ourense.
Durante a presentación, o presidente provincial, Luis Menor subliñou que esta publicación constitúe “un acto de memoria colectiva fronte ao esquecemento”, e destacou o profundo significado cultural, histórico e emocional que a Virxe do Cristal representa para Vilanova dos Infantes, Celanova e para o conxunto da provincia.
A obra xorde como resposta cultural aos feitos que marcaron á comunidade tras o asasinato do párroco Adolfo Enríqueze o roubo da histórica imaxe, acontecementos que deixaron unha fonda pegada social e emocional. O libro reúne creacións literarias e artísticas de máis de cincuenta autores e artistas, converténdose nun testemuño colectivo que contribúe a manter viva a tradición e o valor simbólico desta figura.
O acto contou coa participación do alcalde de Celanova e coordinador do proxecto, Antonio Puga, as críticas literarias Tareixa Taboada e Mercedes Gallego, e o autor e coordinador da obra, Xosé Manuel del Caño. Arredor de medio cento de artistas e escritores que participaron nesta publicación acudiron ao evento.
A presentación comezou cunha actuación musical de Mª do Ceo, quen interpretou unha peza composta por Armando González inspirada na Virxe do Cristal. Durante o acto realizouse tamén a cesión simbólica de obras por parte dos escultores participantes, reforzando o carácter colectivo do proxecto.
Incluída no Plan Provincial de Publicacións, a obra foi impulsada pola Deputación de Ourense como parte da súa liña de apoio á cultura, ao patrimonio e á preservación da identidade local. Luis Menor destacou que iniciativas como esta “son capaces de transformar a dor en cultura, reflexión e esperanza compartida”, subliñando o papel da arte na conservación da memoria colectiva e no fortalecemento do sentimento de pertenza.
A xornada rematou cunha fotografía de familia cos participantes, simbolizando o carácter colaborativo dun proxecto que une arte, historia e memoria compartida.