A Deputación e Sarabela Teatro avalían posibles vías de colaboración para promover a cultura

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reuniuse cos responsables da compañía Teatro Sarabela nun encontro no que se analizaron a situación actual das artes escénicas e posibles vías de colaboración entre a institución provincial e este colectivo teatral.
Durante a reunión, ambas partes intercambiaron opinións sobre o papel da cultura no desenvolvemento social e territorial, así como sobre a necesidade de apoiar o talento creativo da provincia. O presidente provincial destacou a traxectoria de Sarabela como un dos referentes do teatro galego e o seu peso na vida cultural de Ourense, valorando especialmente o seu compromiso coa creación contemporánea e coa formación de públicos.
Luis Menor reafirmou a vontade da Deputación de seguir reforzando o sector cultural, impulsando proxectos que faciliten o acceso da cidadanía á cultura, favorezan a creación artística e contribúan a consolidar Ourense como un espazo dinámico e innovador neste ámbito.
Pola súa banda, os representantes de Teatro Sarabela agradeceron a disposición ao diálogo por parte da institución provincial e presentaron distintas ideas orientadas a desenvolver proxectos escénicos, accións de mediación cultural e iniciativas para achegar o teatro a novos públicos en diferentes concellos da provincia.
Este encontro forma parte da serie de reunións que a Deputación de Ourense está a levar a cabo con distintos axentes culturais, co obxectivo de coñecer de primeira man as súas necesidades e avanzar cara a unha estratexia cultural compartida.