A Deputación e Sogarpro reforzan a súa colaboración

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o presidente de Sogarpo (Sociedade de Garantía Recíproca das provincias de Pontevedra e Ourense), Artur Yuste, renovaron no Pazo Provincial o convenio de colaboración que manteñen aberto desde 2023 para impulsar a actividade económica na provincia de Ourense, mediante a concesión de préstamos e avais a empresas e emprendedores, a custo cero, bonificados pola Deputación. A achega da institución provincial para 2025 será de 250.000 euros.
Nun acto, ao que tamén asistiu o equipo xestor de Sogarpo, Luis Menor subliñou o “efecto multiplicador” que teñen os fondos públicos destinados pola Deputación a este convenio, de tal modo que “pode dicirse que por cada euro aportado pola Deputación xeráronse 18,2 euros de financiación no tecido empresarial de Ourense”. A día de hoxe, utilizáronse algo máis de 900.000 euros do millón aportado pola Deputación. O presidente provincial mesmo mostrouse partidario de estudar posibles incrementos nas achegas.
Pola súa banda, Artur Yuste destacou que a “a gran acollida, excelente demanda e os bos resultados obtidos neste tempo indican que o convenio funciona e polo tanto tiñamos a obriga de renovalo”, ao tempo que recoñeceu o seu “orgullo como ourensán por manter esta colaboración, asinar este convenio, que demostra que o sistema de garantías representa xa unha alternativa”.
Grazas a este convenio, desde a súa posta en marcha, en marzo de 2023 e ata hoxe, outorgáronse 183 avais, sendo 166 as empresas beneficiarias, con 1.037 traballadores. O Importe dos avais é de 14.160.599 euros, o que supón un investimento inducido de 16.655.599 euros.
Como vantaxe, os avais teñen custo cero para os beneficiarios. Os importes de financiación que se poden solicitar oscilan entre os 3.000 e os 600.000 euros e pódense destinar tanto a inversión como a capital circulante.