A Deputación edita unha publicación sobre as estruturas demográficas en Celanova durante o Antigo Réxime

A Deputación de Ourense edita a obra “Demografía, familia e reprodución social en terras de Celanova durante o Antigo Réxime”.
Trátase da tese doutoral defendida por Delfina Rodríguez Fernández na Facultade de Historia da Universidade de Vigo coa cualificación de sobresaliente cum laude. Esta obra publícase por ser seleccionada no concurso de publicacións da Deputación de Ourense do ano 2024.
A investigación sitúase nas terras de Celanova e cronoloxicamente, abarca desde finais do século XVI ata mediados do século XIX. A súa temática céntrase na análise das estruturas demográficas e a dinámica evolutiva da poboación celanovesa, na comprensión da cultura agraria da comarca e a súa evolución no tempo e no estudo do modelo de organización familiar e as súas estratexias de reprodución social.
O seu obxectivo último é comprender o funcionamento dun modelo demográfico, económico e social que, ao longo dos tempos modernos, converteu ás terras de Celanova nunha das comarcas máis poboadas da Galicia Interior -densidade de poboación superior aos 140 hab/Km2 a mediados do s. XIX-, á vez que favoreceu o empobrecemento da maioría da sociedade.
A partir dun enfoque micro, na obra obtéñense importantes conclusións que contribúen ao coñecemento da historia de Galicia na Idade Moderna.
Durante a súa elaboración, Delfina conta que tivo a sensación que describe o gran historiador G. Levi, un dos pais da microhistoria, de permanecer sentada durante moitos anos na praza do pobo, observando o comportamento das familias e dos individuos, analizando as cousas relevantes que ocorrían, cando aparentemente nada pasaba.