A Deputación encara a recta final do PERTE OU-Intelixente para modernizar a xestión da auga

OurenseXa
Actualmente xa se instalaron máis de 58.000 contadores intelixentes, o 87% do total previsto, en 74 municipios
perte-auga-urense
23 Mar 2026

A Deputación de Ourense avanza na fase final do proxecto PERTE OU-Intelixente, unha iniciativa centrada na dixitalización do ciclo da auga que xa presenta un alto grao de execución e prevé estar plenamente operativa no segundo semestre de 2026.

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Auga, a institución provincial destacou o progreso deste plan, desenvolvido xunto con AquaOurense, que acadou o 97% das contratacións previstas. Cun investimento superior aos 13,5 millóns de euros (máis IVE), o proxecto busca transformar de maneira estrutural a xestión hídrica nun territorio marcado pola dispersión municipal.

O presidente provincial, Luis Menor, subliñou a relevancia desta iniciativa, destacando que “este proxecto supón un paso decisivo na modernización e na dixitalización da provincia, permitindo aplicar tecnoloxía avanzada a un recurso estratéxico como a auga, ao tempo que reforzamos a igualdade de oportunidades entre o rural e o urbano”. Así mesmo, incidiu en que “OU-Intelixente non é só un proxecto tecnolóxico, senón unha aposta clara por unha xestión máis eficiente, sostible e anticipativa, que mellora a calidade dos servizos públicos e a vida da cidadanía”.

Pola súa banda, o xerente de AquaOurense, Víctor Comesaña, asegurou que “chegados a este punto do proxecto, podemos afirmar que OU-Intelixente está a cumprir os obxectivos previstos tanto en prazos como en alcance”, destacando ademais que o nivel de execución é elevado e que a tecnoloxía implantada sitúa a provincia como referente neste ámbito, especialmente en contornas rurais.

En termos de despregamento, xa se instalaron máis de 58.000 contadores intelixentes —o 87% do total previsto— en 74 municipios. Ademais, preto de medio cento de concellos están integrados nun sistema que permite monitorizar en tempo real o estado das redes de abastecemento e depuración.

O proxecto abrangue máis dun cento de infraestruturas, como depuradoras ou estacións de bombeo, e incorpora tamén solucións avanzadas de control ambiental, como sistemas de monitorización en zonas como Valdeorras ou a vixilancia de blooms algais no encoro das Conchas.

Un dos eixes clave será o Centro Intelixente para a Xestión Provincial da Auga (AquaOU), que centralizará todos os datos do ciclo hídrico nunha única plataforma, facilitando unha xestión máis eficiente e baseada en información en tempo real.

Ademais do seu compoñente tecnolóxico, a iniciativa ten un marcado carácter territorial, ao permitir que pequenos municipios accedan a ferramentas avanzadas ata agora reservadas a grandes cidades, reducindo así a fenda entre o medio rural e o urbano.

Co calendario avanzando segundo o previsto, o PERTE OU-Intelixente achégase á súa culminación coa aspiración de converterse nun modelo de referencia exportable a outros territorios con características semellantes.

0.12778115272522