A Deputación estuda activar unha liña axudas extraordinarias para os concellos ourensáns afectados polos temporais

A Deputación de Ourense está a valorar a creación dunha liña extraordinaria de axudas destinada a que os concellos damnificados polos sucesivos temporais poidan restablecer servizos e infraestruturas municipais. O presidente da institución provincial, Luis Menor, sinalou que estas achegas buscan “permitir que os municipios poidan acometer obras de emerxencia e recuperar servizos e infraestruturas danadas polas continuas e intensas chuvias”.
“Somos plenamente conscientes da situación de vulnerabilidade na que se atopan moitos dos nosos concellos tras os temporais”, recoñeceu Menor. Engadiu que é unha obriga da Deputación “reaccionar con axilidade para que a falta de recursos técnicos ou económicos non sexa un obstáculo para a volta á normalidade".
Segundo explicou o Goberno provincial, os servizos técnicos comezarán a recompilación dos danos rexistrados nos servizos públicos esenciais e nas infraestruturas municipais. Este traballo realizarase en estreita colaboración cos alcaldes e alcaldesas das zonas máis afectadas para elaborar un inventario detallado, que servirá para determinar a contía e distribución dos fondos de forma eficiente, priorizando os casos máis urxentes.
A medida reafirma o papel da Deputación como organismo colaborador cos concellos, garantindo que os municipios con menos recursos poidan afrontar as consecuencias dos fenómenos meteorolóxicos adversos que afectan a provincia desde hai máis de vinte días.
Mentres tanto, o Servizo de Vías e Obras da Deputación está a atender a rede provincial de estradas, que suma 1.850 km, para resolver incidencias provocadas polos temporais. Só a pasada semana atenderonse unhas 400 incidencias, das cales 52 procedían de chamadas do 112, mentres que o resto chegaron desde os concellos, a detección das brigadas ou chamadas de particulares.
As intervencións inclúen cortes temporais de vías por acumulación de auga, derrubes de noiros, pedras nas calzadas, atrancos, caños, foxos e sumidoiros levantados. Actualmente, 60 persoas distribuídas en 16 brigadas traballan en puntos como O Carballiño, Celanova, Ourense, Allariz-Maceda, Trives, Parada de Sil, Valdeorras, Viana-A Veiga, Verín, Xinzo de Limia e Bande. Ademais, seis vixiantes e tres encargados percorren a provincia para sinalizar posibles incidencias non comunicadas previamente.
Hai tamén seis equipos de retén, con tres operarios cada un, preparados para actuar ante emerxencias en calquera momento. Desde o Servizo de Vías e Obras lembran a precaución á hora de circular e a importancia de respectar a sinalización nas vías afectadas.