A Deputación garante o seu apoio para mellorar a accesibilidade das persoas xordas de Ourense

OurenseXa
"Todos, sen excepción, debemos aportar o mellor de nós mesmos co espírito de facer unha sociedade máis segura e sen barreiras", destacou o presidente da Deputación
Gala conmemorativa do 50 aniversario de APSOU
30 Xuño 2024

O Balneario de Laias Caldaria acolleu este fin de semana a gala conmemorativa do 50º aniversario da Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU), acto no que participou o presidente provincial, Luis Menor, quen aproveitou para felicitar a este organismo “porque cando un proxecto dura e mellora co paso dos anos durante medio século, é síntoma de que as cousas se fixeron, se fan e se seguirán facendo moi ben”.

Menor lembrou que o traballo incansable deste colectivo sempre tivo o mesmo obxectivo: mellorar a accesibilidade das persoas xordas de toda a provincia, “e iso é facer provincia en maiúsculas”, enfatizou Luis Menor, quen lembrou que “todos, sen excepción, debemos aportar o mellor de nós mesmos co espírito de facer unha sociedade máis segura e sen barreiras. Unha sociedade na que existan as mesmas oportunidades para todas e todos sen distinción algunha”.

O presidente provincial explicou que o compromiso da Deputación coa Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU) materializouse cunha achega para o mantemento da intérprete de Lingua de Signos nos 92 concellos da provincia. “E sentímonos moi orgullosos por facilitar este servizo tan necesario para garantir esa accesibilidade plena que tanto ansiamos. Desde logo, o compromiso continuará e reforzarase nas medidas das nosas posibilidades”, concluíu Menor.

0.15927195549011