A Deputación impulsa a mellora das infraestruturas deportivas da provincia

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A institución provincial destina esta semana destina esta semana 42.000 euros a apoiar entidades culturais e deportivas e 610.200 euros á cooperación con concellos
pazo-provincial-da-deputacion-de-ourense
1 Dec 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta semana un paquete de investimentos que suman 652.200 euros, 610.200 euros se destinan directamente á cooperación con concellos e 42.000 euros a apoiar entidades culturais e deportivas da provincia.

En concreto, para a renovación dos campos de fútbol, a Deputación achega 150.000 euros para o acondicionamento do campo de Cenlle, dentro dun investimento total de máis de 360.000 euros que busca mellorar a seguridade e funcionalidade do terreo de xogo. Igualmente, en Viana do Bolo destínanse outros 150.000 euros para o novo campo de herba artificial As Carretas, un proxecto valorado en máis de 440.000 euros, clave para o impulso do deporte de base no municipio.

Ademais, a Deputación investirá 200.000 euros na construción dun novo polideportivo en Vilamarín, que forma parte dun proxecto total de preto de 500.000 euros e que se executará en varias anualidades. O presidente provincial, Luis Menor, destacou que esta infraestrutura permitirá dinamizar a práctica deportiva e a vida social do concello.

Estas actuacións forman parte dun convenio provincial máis amplo para a mellora dos campos de fútbol municipais, con un orzamento de máis de 3,6 millóns de euros, que abarca actuacións en practicamente todas as comarcas ourensás e inclúe concellos como : Xinzo de Limia, Toén, A Pobra de Trives, O Pereiro de Aguiar, Maside, Lobios, Cartelle, Amoeiro e Arnoia.

O presidente provincial subliña que este programa garante que “todos os concellos, independentemente do seu tamaño, dispoñan de infraestruturas deportivas seguras, actuais e adecuadas á realidade das escolas deportivas e da mocidade”.

Paralelamente, a Xunta de Goberno aprobou outras partidas para melloras en infraestruturas municipais e apoio a entidades culturais e deportivas da provincia. Así, aprobouse destinar 95.200 euros ao Concello de Nogueira de Ramuín para obras de beirarrúas e soterramento de redes na travesía de San Miguel. Tamén lle concedeu 15.000 euros ao Concello da Peroxa para a creación dunha nova praza pública en Pousada.

No que atinxe ás entidades, destínanse 30.000 euros para o Club Artístico de Ribadavia, para melloras na súa sede, así como 12.000 euros para o Colectivo Hércules de Toén para a organización dunha proba deportiva.

⚙ Configurar cookies
0.076892137527466