A Deputación impulsa o emprendemento feminino, o deporte e a cooperación cos concellos

OurenseXa
A entidade provincial tamén destinará 220.000 euros a dez entidades sociais e culturais
dep-ou-xunta-goberno
21 Jul 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou un paquete de actuacións que suma máis de 1,5 millóns de euros en investimentos, destinados a fomentar o emprendemento feminino, apoiar clubs deportivos, modernizar a cartografía municipal e reforzar a colaboración cos concellos e entidades sociais da provincia.

Un dos eixos principais será unha nova edición do programa EmprendOU en Feminino, que tal como destacou o presidente provincial, Luis Menor, “dá continuidade á nosa vontade de apoiar a actividade económica creada por novas empresarias, especialmente no ámbito rural”. O plan ofrece apoio ao asociacionismo feminino, á dixitalización e á formación continua, e reserva 100.000 euros para subvencionar o 50 % do SMI a emprendedoras menores de 35 anos que crearan unha empresa nos últimos tres anos e que leven polo menos seis meses en funcionamento. Estímase que ata 168 proxectos poderán beneficiarse, cunha reserva do 75 % do orzamento para os situados en municipios de menos de 20.000 habitantes.

Menor avanzou tamén que no mes de outubro está previsto un encontro con máis dun cento de novas emprendedoras, en colaboración coa Asociación de Novos Empresarios, para “poñer en valor a súa contribución á dinamización económica da nosa provincia”.

Polo que respecta ao deporte, outro dos acordos clave foi o incremento das axudas aos clubs deportivos, que pasan dos 350.000 aos 550.000 euros. “Facilitando que a maioría dos clubs duplicaran as achegas recibidas en exercicios anteriores”, apuntou Menor. En total, 103 clubs de 25 disciplinas distintas recibirán apoio, incluíndo tamén deportes minoritarios como a ximnasia (cun aumento de 22.000 euros) ou o atletismo (10.000 euros máis para escolas e competicións).

A Deputación activará por primeira vez axudas para que os concellos de menos de 5.000 habitantes poidan elaborar ou actualizar a súa cartografía de rueiros. Máis de 94.500 euros servirán para crear planos municipais e instalar placas identificativas coa numeración. “É unha ferramenta que permite atopar con facilidade lugares de interese ou acceder a servizos esenciais”, indicou o presidente. Os concellos beneficiados serán Vilariño de Conso, Parada de Sil, Carballeda de Valdeorras, Rairiz de Veiga, Pontedeva, Xunqueira de Espadanedo, A Teixeira, Carballeda de Avia, Muíños, Sandiás e Avión.

Na sesión aprobáronse case 543.000 euros en axudas para trece entidades locais. Entre elas destacan os 50.000 euros para o mantemento do castelo de Monterrei, os 75.000 euros para o SAF de Porqueira, ou os 100.000 para melloras no campo de fútbol de Maside. Tamén se inclúen actuacións de accesibilidade, renovación de servizos e melloras en parques infantís ou escolas infantís, ademais de apoios ás mancomunidades da comarca de Ourense, Santa Águeda e os municipios turísticos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro.

A Deputación tamén destinará 220.000 euros a dez entidades sociais e culturais, como o Consello Regulador da D.O. Valdeorras (45.000 euros), a Fundación Otero Pedrayo (35.000 euros), COGAMI (50.000 euros) ou Special Olympics (25.000 euros para o Nacional de Fútbol Sala). Tamén se inclúen achegas para colectivos veciñais, escuderías deportivas e asociacións empresariais.

Por último, aprobáronse as programacións para o curso 2025-2026 das escolas provinciais de Artes e Oficios e de Gaitas, así como do Obradoiro de Gaitas e o Centro Xaquín Lorenzo. Tamén se actualizaron as tarifas do Pazo dos Deportes Paco Paz e do servizo de ecobarcos polos encoros de Castrelo de Miño, Frieira e As Conchas.

⚙ Configurar cookies
0.16196584701538