A Deputación impulsa o XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas con máis de 300 músicos

Manzaneda será o epicentro da tradición oral e da música popular galega esta fin de semana coa celebración da XVI edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, un evento impulsado pola Deputación de Ourense que reunirá máis de 300 músicos galegos os días 26 e 27 de xullo.
A programación foi presentada no Pazo Provincial polo vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; e o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo.
César Fernández destacou que se trata de “un dos grandes eventos culturais e de dinamización territorial” da provincia, e puxo en valor a “aposta decidida” da institución provincial pola cultura como eixo estratéxico. Tamén salientou a relevancia da Estación de Montaña de Manzaneda como escenario deste certame, converténdose “no epicentro da tradición e da música popular que configuran a nosa identidade”.
Pola súa banda, o alcalde agradeceu o apoio institucional ao evento, que leva “preto de 30 anos celebrándose en Manzaneda baixo distintos nomes”, e anunciou unha homenaxe póstuma á recentemente falecida cantareira Jacinta Fernández Alonso, “doña Jacinta”, figura moi vinculada á tradición oral da zona.
Xosé Lois Foxo lembrou que o certame naceu “fai case 7 lustros coa filosofía de ser un elemento didáctico para que o alumnado traballase a súa posta en escena” e subliñou a súa “importancia cultural”, ao tratarse “dun xeito de preservar os nosos cánticos e manter o rural”.
Dúas xornadas de tradición e música
A programación arrincará o sábado 26 co VIII Serán da Seitura de Manzaneda – Memorial Ludivina Pérez, a partir das 19.30 horas na praza da Igualdade. O serán reunirá a unha ducia de cantareiras e cantores das Terras de Trives e Manzaneda, nunha homenaxe aos cantos tradicionais da zona. Durante o acto terá lugar tamén a lembranza a “doña Jacinta”.
Xa pola noite, ás 23.00 horas, a música trasladarase á contorna da Estación de Montaña coa celebración do Festival Noite Celta, que contará con múltiples actuacións de bandas de gaitas e grupos tradicionais.
O domingo 27 terá lugar a fase final do certame, a partir das 11.30 horas no campo de competicións de Cabeza de Manzaneda, nunha edición dedicada á memoria de Gabino García, quen co propio Foxo foi impulsor do evento. Participarán bandas de toda Galicia, xunto con gaiteiros solistas e bastóns de mando nas distintas seccións do programa.
O colofón ao certame chegará cunha actuación conxunta das bandas participantes interpretando o Himno do Antigo Reino de Galicia, nun acto que volverá colocar a Manzaneda no mapa como referente da cultura galega tradicional.