A Deputación impulsará o turismo sanitario en colaboración coa FEMP e o IMSERSO

Luis Menor, na súa calidade de presidente da Deputación de Ourense, e da Sección de Vilas Termais a Federación Española de Municipios e Provincias, acompañado por Cristina Montalvá, directora xeral de Igualdade e Políticas Locais da FEMP, e do director da Área de Benestar, Jose Juan Cerdeira, mantiveron este mércores un encontro de traballo en Madrid, no IMSERSO, con Maite Sancho, máxima responsable do Instituto de Maiores e Servizos Sociais.
A petición de Luis Menor, o IMSERSO incorporarase no Grupo de Traballo de Termalismo Sanitario, equipo multidisciplinar liderado pola Deputación de Ourense. A entidade adscrita ao Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 comprometeu tamén a súa presenza a través da súa directora xeral na Asemblea anual das Vilas Termais que este ano se celebrará en outubro na provincia de Salamanca, no concello de Vega de Tirados, e alí avaliar os pasos dados ata ese momento polo GTTS.
Na reunión con Luis Menor, Maite Sancho tamén se interesou polos programas pioneiros da Deputación de Ourense de termalismo contra a soidade non desexada e contra o DCL, Deterioración Cognitiva Leve, á vez que felicitou á administración provincial pola iniciativa de termalismo posta en marcha o pasado mes de marzo dirixida a persoas maiores que sufriron a DANA no municipio valenciano de Massanassa.
A entidade adscrita ao Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, conta entre as súas responsabilidades coa xestión dos servizos sociais complementarios das prestacións do Sistema de Seguridade Social e o exercicio das competencias da Administración Xeral do Estado en materia de persoas maiores.
Os servizos sociais complementarios das prestacións do Sistema de Seguridade Social tamén inclúen o termalismo social, ámbito que precisamente centrou a reunión.
O presidente provincial, Luis Menor, comezou o encontro entregando un exemplar do estudo recentemente financiado pola administración provincial “Ourense, clave de lonxevidade. O fenómeno das persoas centenarias”. O motivo da entrega é que Maite Sancho foi elixida pola ONU como unha das 50 líderes mundiais que máis contribuíron a transformar a sociedade para envellecer mellor, ademais de ser experta da OCDE e do Consello de Europa en Envellecemento e Protección Social, entre outras distincións, polo que o presidente considerou oportuno poñer no seu coñecemento os esforzos por poñer en valor a realidade centenaria da nosa provincia.
TERMALISMO SANITARIO
Menor cualificou a reunión como “moi positiva” xa que Maite Sánchez, en nome do IMSERSO, mostrouse moi interesada e receptiva ás formulacións realizadas polas Vilas Termais como representantes do municipalismo.
Precisamente, o primeiro acordo da reunión foi a incorporación do IMSERSO ao GTTS, o Grupo de Traballo en Termalismo Sanitario, un equipo multidisciplinar liderado pola Deputación de Ourense que se creou hai uns meses.
O obxectivo do GTTS é a definición e homoxeneización entre balnearios de Vilas Termais de diferentes Comunidades Autónomas, de programas de termalismo sanitario que aborden procesos patolóxicos concretos -con especial interese naqueles asociados á lonxevidade-, a medición científica dos seus resultados e a súa posterior homologación.
O GTTS iniciouse cun reducido equipo multidisciplinar na que a maioría dos seus membros son profesionais da medicina, tanto hidrólogos directores de balnearios, como médicos de atención primaria do ámbito público.
A incorporación do IMSERSO a este grupo de traballo dálle unha nova dimensión xa que as súas achegas poden ser de gran importancia e abre a posibilidade de trasladar no futuro ao seu programa estatal recomendacións e innovacións que saian do GTTS.
Luis Menor trasladoulle tamén a Maite Sancho que a Deputación de Ourense está en disposición de poñer en marcha de forma experimental o primeiro programa que propoña o GTTS focalizado nunha patoloxía concreta.
Neste sentido, este xuño, o GTTS entregará á Deputación de Ourense a proposta de programa experimental que contemplará a elección do primeiro proceso patolóxico que trataría, a prescrición médica necesaria para participar no mesmo, as técnicas termais que incluiría, a súa duración e o sistema de avaliación de resultados do mesmo.
En función destes elementos a administración provincial aprobará un programa experimental piloto coa correspondente axuda pública e as datas da súa posta en marcha.
TERMALISMO TERAPÉUTICO
Na reunión tamén se tratou a orientación do termalismo á Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e a súa relación cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), orientados a dar forma ás políticas de desenvolvemento mundiais e nacionais.
O termalismo social, entendido como o uso terapéutico e preventivo das augas termais con repercusión directa na saúde e calidade de vida, e onde as administracións públicas subvencionan o acceso aos balnearios favorece o acceso equitativo da cidadanía a tratamentos de saúde e benestar, incardinándose de forma directa e indirecta con varios dos ODS.
Así, o ODS 3, saúde e benestar, persegue garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades. Con este obxectivo ínstase as administracións a tomar medidas para predicir e contrarrestar os desafíos da saúde.
O termalismo social mellora a saúde física e mental, especialmente en colectivos máis vulnerables e crea conciencia da importancia da boa saúde, promovendo estilos de vida saudable de forma especial en persoas de maior idade.
Ademais diso, o termalismo social combina saúde e benestar co ODS de desenvolvemento económico e sustentabilidade ambiental, tendo en conta que xera emprego local, especialmente en zonas máis rurais e despoboadas sendo un motor de desenvolvemento sostible e non deslocalizable.
Ademais os establecementos termais están a incorporar criterios de sustentabilidade: uso eficiente da auga (control de acuíferos, regulación do seu uso e tratamento, enerxías renovables, xestión de pegada de carbono 0) converténdose en modelos de consumo responsables no sector da saúde.
Ademais do desenvolvemento do GTTS, o IMSERSO comprometeu a súa presenza a través da súa directora xeral na Asemblea anual das Vilas Termais que este ano se celebrará en outubro na provincia de Salamanca, no concello de Vega de Tirados, e alí avaliar os pasos dados ata ese momento polo GTTS.
Pola súa banda, as Vilas Termais comprometéronse a participar no Congreso Mundial de Cidades amigables coas persoas maiores xa que recentemente dábase a coñecer en Suíza que este evento en 2026 celebrarase en España.