A Deputación levará ao pleno de marzo o programa BenOurense
O goberno provincial someterá á aprobación do pleno do mes de marzo as bases reguladoras dos tres programas de cooperación BenOurense da Deputación para o exercicio 2024, relativas ao servizo de axuda no fogar básico e ao mantemento dos Puntos de Atención á Infancia (PAI) e dos servizos complementarios de atención á infancia. A Deputación destinará un orzamento total de 1.630.000 euros para a posta en marcha destes programas de cooperación que permitirán, unha vez máis, reforzar a atención social nos concellos ourensáns.
Como novidade, este ano a Deputación incrementou ao redor dun 15% os fondos que destina ao programa de cooperación para o servizo de axuda no fogar básico, concretamente no que atinxe ao apartado de dixitalización co obxectivo de que a meirande parte dos concellos conten con ferramentas tecnolóxicas que melloren a prestación deste servizo. Ademais, incorpóranse novos criterios para asignar con maior eficacia os fondos provinciais.
As bases do programa “BenOurense SAF Básico” regulan a concesión de axudas ás entidades locais da provincia de menos de 20.000 habitantes que presten o servizo de atención no fogar básico. Están incluídas tamén as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes. Para tal fin, a institución provincial destina un orzamento total que ascende a 1.400.000 euros.
As axudas deste programa están canalizadas a través de dúas accións: a primeira delas está destinada á dixitalización do SAF prestando asistencia económica para facilitar ás entidades locais a xestión dixitalizada deste servizo cunha ferramenta informática contratada polo propio concello; e a segunda está dirixida ao cofinanciamento da prestación do servizo de axuda no fogar básico.
“BenOurense Infancia” contribúe á conciliación da vida laboral e familiar
As axudas do programa “BenOurense Infancia” dirixidas ás corporacións locais están destinadas ao mantemento dos “Puntos de Atención á Infancia” (PAI), é dicir, a aqueles establecementos de carácter diúrno e titularidade municipal, situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e encadrados nos servizos sociais comunitarios específicos dos concellos, que teñen por finalidade prestar apoio aos pais, nais, titores/as e gardadores/as dos nenos e nenas entre 3 meses e 3 anos.
Para este programa, a Deputación destina un orzamento que ascende aos 115.000 euros e as axudas concedidas ao abeiro deste programa permitirán subvencionar gastos de persoal, gastos de mantemento dos centros e demais gastos inherentes aos servizos prestados dentro do PAI.
Así mesmo, a institución provincial destinará esta mesma contía para financiar as axudas concedidas no marco do Programa “BenOurense Infancia-Servizos Complementarios” ás corporacións locais para manter estes servizos de titularidade municipal, que por xestión directa ou indirecta e en xornada diúrna, desenvolven funcións de atención e coidado fóra da xornada ordinaria dos centros escolares para nenos e nenas entre 3 e 12 anos actuando como soporte e apoio ás familias e contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar.
A través deste programa a Deputación subvencionará gastos de persoal, gasto de mantemento dos centros e demais gastos inherentes aos servizos prestados dentro do servizo complementario.
Prazo de solicitudes
Os concellos interesados en solicitar algunha das axudas anteriormente citadas poderán presentar a súa adhesión ao programa no prazo de 15 días hábiles que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da publicación das bases de ditos programas no BOP.