A Deputación liderará un proxecto nacional enfocado no termalismo e o enoturismo como Destinos Turísticos Intelixentes

OurenseXa
A iniciativa enmárcase no proxecto “Ourense, preto de ti”, que conta cunha subvención de máis de 1,3 millóns de euros dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
Balneario de Lobios
Balneario de Lobios
19 Jul 2025

A Deputación de Ourense encabeza a posta en marcha dun proxecto a nivel estatal para desenvolver modelos de Destino Turístico Intelixente nos sectores do termalismo e do enoturismo. Esta responsabilidade chega como recoñecemento ao protagonismo que ten o patrimonio termal da provincia e ao peso da viticultura con catro denominacións de orixe no territorio.

Esta iniciativa insírese no marco do programa “Ourense, preto de ti”, financiado polos fondos europeos Next Generation a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A Deputación ourensá é a única institución provincial galega en conseguir unha achega deste tipo, que supera os 1,3 millóns de euros, co obxectivo de avanzar cara a un turismo máis dixital e sostible.

O proxecto foi un dos temas abordados este venres no Pazo Provincial nun encontro entre a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Novoa, e o presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), Enrique Martínez, acompañados polo director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño.

Marta Novoa sinalou o compromiso da Deputación neste reto, subliñando que “o noso interese en desenvolver estes proxectos, en tanto supón aproveitar as novas comunicacións de altas prestacións, como o AVE, e as novas tecnoloxías de forma intelixente para potenciar a promoción dos nosos recursos”.

Enrique Martínez, pola súa parte, amosou unha “positiva valoración” da proposta “Ourense, preto de ti” e puxo en valor o papel de Ourense como referente no desenvolvemento de modelos replicables noutros territorios do Estado, centrados no uso intelixente dos recursos relacionados co termalismo e o viño.

A través desta estratexia, a Deputación tamén ten previsto conectar a súa infraestrutura tecnolóxica coa Plataforma Intelixente de Destino de SEGITTUR, habilitar un servizo de asistencia dixital multilingüe para os visitantes, mellorar a accesibilidade tecnolóxica aos recursos turísticos, como os museos, e reforzar a Oficina Virtual de Atención ao Cidadán (OUVAC). Ademais, prevese a creación dunha área técnica específica que se encargará da xestión e mantemento destes novos servizos.

⚙ Configurar cookies
0.1559579372406