A Deputación mobiliza máis de 400.000 euros para apoiar a concellos e entidades culturais e deportivas

RibeiraSacraXa | OurenseXa
As achegas beneficiarán a 12 municipios ourensáns e tamén impulsarán o Silfest Valdeorras e a Copa do Mundo de Aventura
Deputacion-Ourense-Xunta-Goberno-2025
25 Aug 2025

A Xunta de Goberno Provincial aprobou esta mañá a mobilización dun total de 403.647,6 euros destinados a impulsar proxectos municipais e a reforzar a actividade cultural e deportiva na provincia. En total, déronse luz verde a 15 asuntos, dos que 12 teñen como destinatarios diferentes concellos ourensáns, cun investimento global de 363.647,6 euros. A esta cantidade súmanse outros 40.000 euros reservados para apoiar dúas citas de relevancia: o festival Silfest Valdeorras 2025 e a World Series Copa do Mundo de Aventura.

No reparto dos fondos destacan os 50.000 euros para o Conservatorio do Carballiño, os 15.000 euros para a IV Festa da Vendima en Monterrei e as dúas axudas concedidas a Parada de Sil, con 30.000 euros para o seu plan de sostibilidade turística e 20.000 euros para o mantemento da Casa do Chocolate en Teimende. Pola súa parte, o GES de Pereiro de Aguiar contará cunha partida de 40.000 euros para os seus gastos de funcionamento, mentres que o propio concello recibirá 6.000 euros para o mantemento do campo de fútbol.

O Concello de Quintela de Leirado obterá 45.000 euros para cubrir os custos da súa casa comunitaria, e o de Ribadavia disporá de 4.000 euros para o campo de fútbol municipal. Tamén se contempla unha axuda de 7.647,60 euros ao Concello de Bande para a mellora do alumeado público con criterios de eficiencia enerxética.

No capítulo de obras, Baños de Molgas contará cunha achega de 60.000 euros para acondicionar unha rúa en Piúca, Beade recibirá 30.000 euros para actuacións no saneamento e Cartelle disporá de 48.000 euros para a reparación de camiños municipais. Pola súa parte, Leiro contará con 8.000 euros para arranxar un camiño en Orega.

Na mesma sesión tamén se deu o visto e prace á expropiación forzosa necesaria para acometer a segunda fase da senda turística termal de Monterrei, unha infraestrutura que busca potenciar o atractivo turístico da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.18207120895386