A Deputación mobiliza máis de 749.000 euros á cooperación con concellos e entidades

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de máis de 749.000 euros en subvencións destinadas a apoiar concellos e entidades empresariais, sociais, culturais e deportivas da provincia. A sesión, presidida pola vicepresidenta Marta Novoa, serviu para dar luz verde ao reparto destas axudas, das cales máis de 480.000 euros irán dirixidas a dez concellos para obras, servizos e actividades.
Entre as actuacións destacadas figura unha achega de 100.000 euros para a reforma da praza de abastos de Xinzo de Limia, 40.000 euros para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Laza e 50.000 euros para o Conservatorio de Música do Barco de Valdeorras, dentro dun plan de apoio aos centros de formación musical da provincia.
Outras axudas dirixidas a concellos inclúen 70.000 euros para o proxecto de humanización do núcleo de Santa Ana en Sandiás, 48.000 euros para infraestruturas básicas en Astariz (Castrelo de Miño), 45.000 euros para melloras na rede hidráulica da Mezquita e 25.000 para a renovación do alumeado público en Padrenda. Ademais, Vilamartín de Valdeorras recibirá 60.000 euros para obras de humanización de rúas; Bande terá dúas axudas para o pavillón e beirarrúas que suman preto de 22.000 euros, e O Carballiño contará con 20.000 euros para a organización da Festa do Pulpo.
No que respecta ás entidades, repartiranse preto de 269.000 euros entre dezaseis organizacións. No ámbito empresarial, ATAVE contará con 50.000 euros para gastos de funcionamento, mentres que AICA e AJE recibirán 20.000 euros cada unha para as súas actividades. A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras disporá de 30.000 euros para impulsar a ruta das covas.
Tamén se inclúe unha achega de 20.000 euros ao Colexio Oficial de Farmacéuticos para apoiar ás farmacias do rural e case 10.000 euros para a Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. No eido social, o Banco de Alimentos de Ourense contará con 30.000 euros e a Asociación Bearizense Daniel Prado Lamas recibirá 2.000 euros para a súa loita contra o cancro.
No deporte, haberá axudas para o circuíto de golf Ourense Termal (18.000 euros), a Federación Galega de Hóckey (12.000 euros), a Federación Galega de Atletismo (18.000 euros), o Jockey Club Galicia (10.000 euros), o Estrela Futsal de Cortegada (8.000 euros) e o Trail Ribeira Sacra do Grupo Cuevas Nogueira (8.000 euros).
Por último, en cultura, a Asociación Cultural Xingros terá 8.000 euros para o IX Festival Hércules Brass en Celanova, e a Asociación O Potiños disporá de 5.000 euros para o “Arenteiro Fotográfico” e outras actividades.