A Deputación organiza este xoves un debate sobre a aplicación da Axenda 2030 no ámbito local

A Deputación de Ourense organiza este xoves, 6 de novembro, unha charla-debate titulada “Da A2030 á Axenda Urbana Local”, que se celebrará na Aula Formativa do Centro Cultural Marcos Valcárcel. A actividade enmárcase no proxecto europeo Green Gap, centrado en promover solucións sostibles e infraestruturas verdes no territorio galego e portugués.
O encontro, aberto a profesionais, estudantes e persoas interesadas na sustentabilidade, servirá como espazo de reflexión sobre como aplicar os principios da Axenda 2030 á escala municipal. Abordaranse cuestións como o papel das infraestruturas verdes na resiliencia climática, a inclusión social e a igualdade de xénero, así como novas metodoloxías para detectar vulnerabilidades urbanas, entre elas as illas de calor. O caso de Ourense será presentado como proxecto piloto na implantación de solucións baseadas na natureza.
O deputado provincial de Innovación e Axenda 2030, Jorge Pumar Tesouro, destacou que esta iniciativa “é unha mostra máis do compromiso da Deputación de Ourense co desenvolvemento sostible e coa implantación da Axenda 2030”. Ademais, lembrou que o proxecto OU DS A2030 volveu ser beneficiario da subvención do Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030 para impulsar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no ámbito local.
A xornada comezará ás 11:00 horas coa apertura a cargo de Jorge Pumar, seguida dunha mesa redonda titulada “Axenda 2030 e xustiza territorial: infraestruturas verdes resilientes e inclusivas para a provincia de Ourense”, na que participarán María Isabel Doval (Universidade de Vigo), Eva D. Castro (directora de proxectos de impacto social) e Pedro Orgeira (enxeñeiro aeronáutico e do Espazo da UVigo). O acto pecharase ás 12:30 horas coas conclusións da sesión.