A Deputación organiza un concerto para recoñecer o labor das entidades sociais da provincia pola igualdade

Coincidindo coa celebración do Día Mundial das ONG, que se conmemora este venres 27 de febreiro, a Deputación de Ourense anuncia a organización do “Concerto 8M”, unha iniciativa coa que pretende destacar e agradecer o traballo que desenvolven as entidades sociais da provincia na defensa da igualdade.
Esta proposta enmárcase na programación arredor do Día Internacional da Muller e concíbese como unha homenaxe ao labor diario que realizan dirixentes, traballadoras e voluntarias do terceiro sector coas mulleres en situación de risco ou exclusión social. A institución provincial subliña que o benestar e a igualdade son froito dun esforzo colectivo, idea que inspira este evento.
O concerto celebrarase o vindeiro 6 de marzo, ás 19.30 horas, no Teatro Principal, e estará a cargo da Xove Orquestra Ourensanía, baixo a dirección de María Mendoza, referente feminina no ámbito musical. Durante o acto porase o foco nunha realidade que a miúdo permanece invisible: a das mulleres que, ademais de sufrir discriminación por razón de xénero, pertencen a colectivos vulnerables, o que supón unha dobre dificultade para acadar a plena participación social e a igualdade.
O “Concerto 8M” empregará a música de cine como fío condutor para simbolizar o empoderamento feminino e conectalo coas realidades que as ONG da provincia atenden cada día. A través desta proposta cultural, a Deputación quere poñer en valor o acompañamento, as terapias e o apoio emocional que ofrecen estas entidades, así como a valentía das mulleres que, malia as circunstancias, afrontan situacións de especial complexidade.