A Deputación patrocina o primeiro filme da actriz e directora ourensá Ledicia Sola

OurenseXa
‘As Augas’, unha película de temática netamente ourensá, comezou a rodarse este xoves en Muíños e posteriormente pasará por Verín e Ourense
presentacion-filme-as-augas-ledicia-sola
Presentación do filme 'As Augas' de Ledicia Sola
20 Feb 2026

A Deputación de Ourense patrocina, xunto outras entidades, o ‘As Augas’, ópera prima da actriz e directora ourensá Ledicia Sola. A película comezou a rodarse este xoves no concello de Muíños, onde terá lugar a maior parte da filmación, pero tamén chegará aos concellos de Verín e de Ourense.

O filme estará protagonizado pola propia Ledicia Sola, Melania Cruz, Marta Larralde e Lidia Veiga. Xunto a elas estará tamén o actor verinés Toni Salgado.

“As augas” é un proxecto que será rodado integramente en Ourense, con temática netamente ourensá, escrita e dirixida por unha ourensá. Unha combinación que, segundo destacou o presidente provincial, Luis Menor, emana “ourensanía por todos os costados” e amosa “non só o talento desta terra, senón que os mellores embaixadores da mesma son as nosas xentes”.

A colaboración da Deputación con este filme enmárcase na liña de aposta pola “cultura e identidade da nosa provincia” que contribúen, segundo destacou Menor, ao desenvolvemento social, económico e turístico da mesma. O goberno provincial, afirma o presidente, debe estar “á altura do talento cultural ourensán, como o que hoxe está aquí”.

“Con este novo proxecto que impulsamos desde a Deputación, poñemos en valor a creatividade ourensá á vez que contribuímos a seguir mantendo a Ourense como referente no mundo da cultura promocionando esa imaxe de ‘Ourense cultural’ que é froito de moitos anos de traballo, de crenza nos nosos e de aposta polos que nos levaron ata onde hoxe estamos: no mellor plató de cine do mundo”, explicou o presidente provincial.

O filme está financiado pola Deputación de Ourense, Agadic e a CSAG (TVG) e coproducido por Maruxiña Film Company e Matriuska Films, dúas das produtoras máis prestixiosas e premiadas de Galicia responsables de títulos coma Ons, Matria, Os Fenómenos, Las altas presiones ou Malencolía e conta co patrocinio de Estrella de Galicia/Aguas Cabreiroá e Gargalo.

⚙ Configurar cookies
0.084264039993286