A Deputación presenta un proxecto para formar a 6.000 persoas do rural en competencias dixitais

A Deputación de Ourense presentou este xoves o proxecto Ourense Reto Dixital, unha iniciativa destinada a achegar a formación tecnolóxica ás persoas que viven no medio rural da provincia, con especial atención aos colectivos máis vulnerables: maiores, persoas desempregadas, nenos, nenas e mocidade.
O programa contará cunha subvención de 750.000 euros procedente dos fondos Next Generation, xestionados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Trátase da contía máxima prevista na convocatoria, e a Deputación de Ourense é unha das 40 entidades de toda España que lograron acceder ás axudas do Programa Nacional Reto Rural Dixital.
O presidente provincial, Luis Menor, acompañado polo director da Área de Transparencia, Marcos Valiño, participo na presentación, onde destacou que “Ourense Reto Dixital é unha ferramenta de cohesión social e territorial que reforza o compromiso da institución provincial coa igualdade de oportunidades, a modernización do territorio e o futuro do noso medio rural”.
O proxecto prevé formar a 6.000 persoas do rural mediante cursos presenciais e en liña, cunha duración mínima de 7,5 horas. O obxectivo é fomentar o manexo das ferramentas dixitais básicas necesarias para o día a día. Ademais, contarase cunha aula itinerante, que levará esta formación aos lugares onde non existan espazos específicos.
A empresa ourensá Academia Trinidad será a encargada de impartir os cursos, que tamén estarán dispoñibles nunha plataforma de teleformación durante cinco anos, permitindo que o alumnado poida revisalos ou repetilos cando o precise.
Os cursos estarán centrados en accións prácticas adaptadas á vida cotiá, como facer videoconferencias por WhatsApp, pagar recibos ou realizar transferencias dende o móbil, presentar solicitudes en liña, empregar a aplicación do Sergas, comprar con seguridade en Internet ou usar as redes sociais de maneira responsable.
Ata agora, 67 concellos da provincia e 17 asociacións sociais adheríronse xa ao proxecto, e a Deputación deixa aberta a posibilidade de que máis entidades se sumen. A institución provincial solicita a colaboración dos concellos tanto na difusión das actividades e captación de alumnado, como na cesión de espazos municipais cando sexa necesario.
Neste sentido, Menor anunciou que a Deputación achegará axudas de 500 euros aos concellos que poñan a disposición os seus espazos para o desenvolvemento das accións formativas.