A Deputación promove a iniciativa “Navega o teu interior” para prolongar as estadías turísticas en Ourense

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, puxo en marcha a iniciativa “Navega o teu interior”, co obxectivo de incrementar a media de estadía dos visitantes na provincia unha vez rematada a tempada estival.
A acción, da que se poderán beneficiar máis de 40 establecementos do rural ourensán, conta coa colaboración da Ruta do Viño do Ribeiro, a Asociación Novo Rural e os aloxamentos distinguidos no selo SICTED. A promoción consiste en ofrecer unha experiencia en ecobarco nos embarcadoiros de Cortegada, Arnoia, Castrelo ou Muíños ás persoas que reserven unha estadía de dúas noites ou máis nestes establecementos.
As viaxes en ecobarco estarán dispoñibles en Castrelo de Miño e Muíños ata finais de setembro e en Arnoia e Cortegada ata finais de outubro. Ademais, durante estas travesías os visitantes poderán degustar un viño do Ribeiro, nunha época marcada pola vendima, con referencias procedentes de adegas distinguidas co selo de “Compromiso de Calidade Turística”.
A iniciativa enmárcase no convenio de colaboración entre o Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia para promover o turismo en Ourense, cunha aposta especial polo turismo rural e o enoturismo.