A Deputación propón encargar a Aspamadis o coidado ambiental dos sendeiros termais da provincia

OurenseXa
A proposta contempla o coidado medioambiental de cinco itinerarios e a creación dun programa de actividades continuado relacionado coa saúde física e mental
aniversaio-aspamadis
15 Jan 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, avanzou este xoves a posibilidade de que o Centro Especial de Emprego de Aspamadis asuma o mantemento e acondicionamento de varias rutas naturais vinculadas aos balnearios da provincia. A iniciativa foi presentada durante a xornada “Unha década sembrando ilusión”, organizada por Adido e Aspamadis.

A proposta contempla o coidado medioambiental de cinco itinerarios e a creación dun programa de actividades continuado relacionado coa saúde física e mental, co obxectivo de ampliar o concepto de termalismo máis alá das instalacións e integrar as contornas naturais como parte da oferta de benestar.

Menor destacou que se trata dunha iniciativa que é “unha boa idea para a nosa comunidade porque nos permitirá ter coidadas as contornas máis especiais do noso territorio á vez que coidamos das persoas que fan especial a nosa provincia”.

Esta posible colaboración dá continuidade á reunión mantida no pasado mes de decembro entre o presidente provincial e a directiva de Aspamadis, na que se comprometeran a buscar vías para xerar oportunidades laborais para este colectivo. Un mes despois, segundo lembrou Menor, “estamos aquí materializando ese compromiso”.

De prosperar a proposta, os traballos poderían comezar a partir do mes de febreiro e centrarse na mellora dos sendeiros termais, unha actuación que permitiría dar “un salto cualitativo na nosa oferta termal”.

Durante a súa intervención, o presidente da Deputación tamén puxo en valor o traballo desenvolvido por Adido e Aspamadis ao longo da última década, salientando que levan anos “chegando a onde non chegan as propias administracións”, especialmente no eido da inclusión laboral, unha “preocupación e prioridade que compartimos desde o goberno provincial, porque somos conscientes de que só unha persoa integrada no mercado laboral pode aspirar á plena inclusión na sociedade”.

⚙ Configurar cookies
0.083173990249634