A Deputación propón un programa termal para incentivar a apertura dos balnearios no inverno

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, en calidade de presidente de Villas Termais da FEMP, plantexou hoxe á Secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez Grau, un programa experimental de turismo emocional que incentive a apertura dos balnearios no mes de decembro. Este proxecto abordouse nunha reunión de traballo celebrada en Madrid, na que tamén participaron o secretario xeral da FEMP, Antonio Martínez-Sicluna Sepúlveda, e a directora xeral de Políticas Locais, Cristina Moltalvá Medina.
“Ourense e a Deputación propoñen un programa innovador para que 500 persoas poidan usar os balnearios no mes de decembro e contribuír a esa loita pola desestacionalización”, valorou Luis Menor tras a reunión en Madrid, que cualificou como “moi fructífera”.
Por outra banda, desde a FEMP valoran “moi positivamente” a predisposición da Secretaria de Estado e do Ministerio e o compromiso coa procura de fórmulas para desestacionalizar a oferta termal.
A axenda do encontro tiña varios puntos, pero o de maior relevancia para as Villas Termais foi o relativo ao deseño e desenvolvemento deste programa de impacto social para reverter a situación dos balnearios, que na súa maioría pechan durante unha parte do ano —periodo que varía segundo cada centro termal— pero cun factor común: o peche en parte da tempada invernal, especialmente no citado mes de decembro.
“A maioría dos balnearios de España permanecen pechados en decembro e a vida económica e social dos municipios onde se sitúan vese moi resentida pola inexistencia de actividade económica nos centros termais”, explicou Luis Menor durante o encontro de traballo.
Ademais, abordouse outro impacto directo do peche dos balnearios, como é o turismo municipal, xa que a actividade termal tira doutras pequenas empresas do sector servizos relacionadas co termalismo.
Luis Menor plantexou á secretaria de Estado un programa con dobre impacto social: por unha banda, o efecto que produciría a ampliación do período de apertura dos balnearios na vida social e económica das propias villas termais, e un segundo impacto relacionado co perfil social ao que se enfocaría o programa.
Neste sentido, o programa que se está deseñando consistiría nunha experiencia de “turismo emocional” que tería un impacto positivo no benestar do colectivo para o que se está a pensar o seu contido, que sería personalizado.
A FEMP prevé presentar o proxecto na Asemblea das Villas Termais que se desenvolverá en Vegas de Tirado (Salamanca) no mes de outubro, para que as villas termais interesadas poidan incorporarse ao programa en 2026, e que un reducido número de Villas Termais teste de maneira experimental a proposta neste mesmo decembro de 2025.
Desde a FEMP convidouse á Secretaria de Estado, Rosario Sánchez, e ao propio Ministerio de Industria e Comercio, a participar nas Xornadas.
En España existen arredor de 130 balnearios e 75 municipios considerados Villas Termais da FEMP, entidades locais pertencentes a 31 provincias de 13 Comunidades Autónomas diferentes.
O 55 % das Villas Termais son municipios de menos de 2.500 habitantes; o sector termal é un exemplo de actividade localizada en espazos rurais de singular beleza e historia que ten que facer fronte ao reto demográfico, xa que na súa maioría están situados en espazos caracterizados por esta realidade.