A Deputación reclama ao Goberno a eliminación das regras fiscais para apoiar aos concellos afectados polos incendios

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reuniuse hoxe co subdelegado do Goberno, Eladio Santos, para trasladarlle a preocupación da institución provincial e dos concellos pola reactivación das regras fiscais, que considera un freo á colaboración fronte ás consecuencias dos incendios forestais.
Segundo explicou Menor, estas restricións impiden que administracións sen débeda, como a Deputación de Ourense, poidan empregar os seus remanentes —superiores aos 20 millóns de euros— para atender as necesidades urxentes dos municipios. “Obrígasenos a limitar o gasto a pesar de contar con capacidade económica, o que fai imposible responder ás emerxencias”, sinalou.
O presidente provincial lembrou que máis de 40 concellos se viron afectados polos lumes este verán, polo que insistiu en que a eliminación das regras fiscais está “máis que xustificada”. De feito, a Corporación Provincial aprobou por unanimidade no último pleno reclamar a súa supresión, acordo que se volverá levar á sesión deste mes de setembro.
Pola súa banda, o subdelegado comprometeuse a trasladar a petición ao Goberno central e informar sobre a resposta que se dea dende Madrid.