A Deputación reforza a colaboración co Campus de Ourense
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou esta mañá reforza a súa cooperación co Campus de Ourense a través de dúas achegas por valor de 300.000 euros para difusión cultural e formación en turismo.
Senllas achegas, de 220.000 euros e 80.000 euros, que veñen a reforzar a cooperación existente entre a Deputación e o Campus de Ourense en virtude dos convenios anuais asinados no mes de xuño. Así, a primeira achega, dotada con 220.000 euros, está destinada para a a promoción e o fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte e que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia. Mobilidade, grupos de investigación, achegas moi importantes para actividades de extensión cultural, axudas relacionadas co estudantado no rural, bolsas para investigación, etc...
Abranguerá o programa de extensión universitaria, cursos e obradoiros de extensión universitaria exposicións, roteiros culturais, cursos de formación teatral e colaboración con outras entidades na organización da MITEU, actividades do coro do Campus de Ourense, celebración do Día das Letras Galegas e do Día de Rosalía, como actividades consolidadas e sen detrimento doutras iniciativas culturais que impulse e organice a Vicerreitoría. Tamén servirá para apoiar o Programa específico e apoio a grupos de investigación do Campus de Ourense (INOU 2024); o Programa de apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do Campus; Programa de bolsas para o alumnado do rural ourensán e o Curso Avanzado de Posgrao Didáctica da Ficción e Creación Literaria.
No que respecta á segunda achega, de 80.000 euros, está destinada á promoción de accións universitarias relativas á promoción da formación en turismo. Así, entre as actuacións indicadas contémplase a dotación de actividades para fomentar o turismo na provincia, asociado sobre todo ao termalismo e o reto demográfico, cunha campaña promocional para atraer alumnado ao Campus de Ourense.