A Deputación reforza o seu apoio a Expourense para a planificación das próximas citas feirais e deportivas

OurenseXa
O presidente provincial, Luis Menor, destaca a importancia desta institución como “motor feiral, deportivo e social da provincia”
rogelio-martinez-luis-menor
19 Feb 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu esta mañá no Pazo Provincial ao director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, nun encontro que serviu para reforzar a cooperación estratéxica entre ambas institucións e avanzar na planificación das próximas citas feirais e deportivas.

Durante o encontro púxose de manifesto a importancia destas instalacións para a cidade así como a súa versatilidade, que as sitúa no foco deportivo internacional. Neste sentido destaca a súa pista cuberta, considerada unha das mellores do noroeste peninsular, que acollerá do 6 ao 8 de marzo o Campionato do Mundo de Atletismo en Pista Corta VIRTUS 2026, unha cita de máximo nivel para atletas con discapacidade intelectual. Un evento que para Luis Menor “non só reforza a marca Ourense como destino deportivo, senón que proxecta unha imaxe de inclusión, compromiso social e excelencia organizativa”.

Neste sentido, Menor incidiu na importancia de continuar financiando as melloras necesarias para garantir que o recinto manteña os estándares esixidos por competicións internacionais.

O presidente provincial puxo en valor a Expourense como un dos grandes activos económicos e sociais da provincia”, subliñando o compromiso da Deputación co seu mantemento, modernización e proxección exterior. “Falamos dun recinto que xera actividade, oportunidades e posicionamento para Ourense dentro e fóra de Galicia”, afirmou Menor.

Durante a xuntanza analizouse tamén o calendario feiral para 2026, que consolida a Expourense como líder en número e calidade de convocatorias en Galicia. Así, entre as citas máis inmediatas destacan: Previsel, -os días 11 e 12 de marzo-, como primeira gran feira do ano; e a II Feira do Ensino, organizada conxuntamente entre Expourense e a Deputación, convertida xa nun referente para a orientación académica da mocidade.

Ademáis, quedou de manifesto a fortaleza de Expourense coa celebración de tres feiras internacionais, o que supón arredor da metade das convocatorias deste carácter en Galicia. Así, ratifícase o impulso a salóns consolidados e de proxección exterior como Termatalia, Xantar e Funergal, marcas que identifican a Ourense coa innovación, a gastronomía e os sectores profesionais especializados.

Ademais, no encontro destacouse tamén que Expourense é un recinto cada vez máis demandado para actividades como cursos de formación e presentacións empresariais; concertos e actividades culturais; reunións institucionais e encontros de órganos de goberno.

“Desde a Deputación contribuiremos sempre a que este recinto estea nas mellores condicións posibles, porque a súa actividade é un motor de dinamización económica e social que beneficia ao conxunto da provincia”, concluíu Luis Menor.

⚙ Configurar cookies
0.083082914352417