A Deputación reforza o seu apoio aos talleres de vehículos da provincia a través de ATAVE

OurenseXa
A institución provincial outorgou en 2025 unha axuda de 50.000 euros para gastos de funcionamento da asociación de talleres
deputacion-visita-atave
4 Sep 2025

A Deputación de Ourense reforza a súa cooperación coa Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos (ATAVE), un colectivo que agrupa ao 95% dos talleres da provincia e que o presidente da institución, Luis Menor, definiu como un sector “estratéxico para xerar riqueza e emprego”.

Menor visitou as instalacións que a entidade ten no Cumial, onde se desenvolven programas de formación para mozos desempregados. Alí destacou o papel do centro formativo de ATAVE como “gran oportunidade” para ofrecer saída laboral a novos profesionais e responder á “falta de man de obra especializada das empresas”.

En 2025, a Deputación destinou 50.000 euros á asociación para sufragar os seus gastos de funcionamento. ATAVE, que conta con 360 socios entre talleres e concesionarios, centra gran parte da súa actividade na capacitación de traballadores: só no que vai de ano formou a máis dun cento de persoas en situación de desemprego, ademais de impartir accións formativas a máis de 420 empregados das empresas asociadas.

Durante a visita, Menor recoñeceu a labor do colectivo como parte esencial do tecido empresarial ourensán e animou á directiva a continuar por esta vía para lograr que a provincia sexa “máis industrial, ofrecendo emprego de calidade, porque iso é o que queremos tamén para Ourense, que a industria sexa un músculo importante da economía ourensá”.

O presidente de ATAVE, Ricardo Borrajo, lembrou que a maioría dos asociados son “pequenos talleres, autónomos cun ou dous empregados aos que damos un servizo e que non se vexan sós”. Tamén agradeceu o “apoio constante” da Deputación, que lles permite afrontar retos como a electrificación dos vehículos, a descarbonización ou a adaptación a novas normativas.

Fundada en 1977, ATAVE foi a primeira asociación sectorial inscrita no rexistro provincial. Desde entón, consolidouse como un referente para un sector que avanza no medio de profundos cambios tecnolóxicos.

⚙ Configurar cookies
0.16202688217163