A Deputación reforza os seus servizos coa incorporación de cinco novos vehículos especializados

A Deputación de Ourense vén de renovar e ampliar o seu parque móbil cun investimento superior aos 263.000 euros. A adquisición de cinco novos vehículos —tres furgonetas e dous todo terreo— permitirá optimizar o traballo dos servizos provinciais en áreas como o medio rural, as infraestruturas e o propio parque de maquinaria.
O presidente provincial, Luis Menor, acompañado polo responsable do parque de maquinaria, José Fírvida, coñeceu de primeira man as características dos novos equipos. “Son equipos modernos e útiles que nos van permitir seguir mellorando en servizos como medio rural, infraestruturas e o propio parque da maquinaria”, sinalou Menor. Ademais, destacou que “con estas incorporacións damos unha resposta máis eficaz e acorde coas necesidades que demandan os concellos da provincia”.
Entre os vehículos incorporados, destaca unha furgoneta adaptada segundo a normativa vixente para a recollida e transporte de animais vivos —xa sexan abandonados, extraviados ou feridos— co obxectivo de levalos de maneira segura ás instalacións do Servizo de Medio Rural.
Outra das furgonetas conta cun sistema de ventilación e unha caixa isotérmica e será utilizada para o transporte de alimentos frescos ás diferentes canceiras da provincia, a cargo de persoal especificamente formado nesta tarefa.
Tamén se incorpora un vehículo todo terreo 4x4 destinado ás brigadas de Zonas Verdes, para facilitar o acceso a zonas de difícil orografía co transporte de ferramentas e materiais. Outro todo terreo, tamén 4x4, está equipado cun equipo frontal quitaneves e asignado ás brigadas de Emerxencias da Área de Infraestruturas, cuxo traballo require intervencións rápidas e vehículos preparados para situacións extremas.
Finalmente, súmase un furgón acondicionado como taller móbil, dependente do Servizo do Parque Móbil e Maquinaria. Este vehículo conta con equipamento técnico que permitirá realizar reparacións no lugar onde se produza a avaría, aforrando tempo e custos de traslado a talleres, e mellorando así o rendemento do persoal técnico.
Esta renovación do parque móbil enmárcase na estratexia da Deputación para mellorar a eficiencia e a resposta dos seus servizos nas diferentes áreas de actuación provincial.