A Deputación regalará o libro "Ourense muy cerca" aos usuarios do AVE
Todos os viaxeiros que mañá collan o AVE na estación madrileña de Chamartín cara a Estación Empalme recibirán como agasallo un exemplar do libro “Ourense, muy cerca”, do escritor e xornalista Moncho Conde-Corbal, nunha campaña de promoción da provincia e da capital deseñada pola Deputación ourensá, que pon o foco nas vantaxes que ofrece a alta velocidade como medio para que os habitantes de Madrid podan visitarnos máis fácilmente.
Co gallo do Día do Libro, esta acción pretende “achegar un pouco máis a nosa provincia a un público potencial de 7 millóns de persoas que están a pouco máis de dúas horas en tren”, explica o presidente provincial, Luis Menor.
A Deputación, propietaria da primeira edición do volume, enviou a Renfe 750 exemplares do libro, entregados por Luis Menor nunha recente viaxe a Madrid aos responsables de Renfe Viaxeiros, Javier Pérez; de Relacións Institucionais, Sergio Bueno; e ao director comercial da Xerencia Norte, Francisco Meleo.
“Ourense, muy cerca”, presentado o pasado día 15 de abril na Casa de Galicia en Madrid, incorpora a mirada e os recordos de nove xornalistas, escritores, ilustradores e profesionais da comunicación, ademais das fotografías de Mani Moretón nas cubertas, con capacidade para expresar literariamente as emocións que lles xera Ourense.