A Deputación reivindica Pazolandia como referencia de lecer familiar e inclusión no Nadal

OurenseXa
Luis Menor visitou o recinto do Pazo Paco Paz, que celebra o 30 aniversario, e sinalou que a afluencia desta edición podería igualar ou superar os preto de 26.000 visitantes do ano pasado
DEPUTACION OURENSE pazolandia
5 Jan 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou este sábado o papel de Pazolandia como unha das principais apostas provinciais para promover o lecer familiar, a conciliación e a inclusión durante as vacacións de Nadal. Menor visitou pola mañá as instalacións do Pazo Paco Paz, onde se desenvolve unha edición que celebra o 30 aniversario do evento.

Durante o percorrido, o presidente provincial subliñou que Pazolandia se consolidou como 'o gran parque de atraccións do Nadal en Galicia' e unha cita habitual para familias tanto da provincia como do conxunto da comunidade. Neste sentido, lembrou que na pasada edición se rexistraron preto de 26.000 visitantes e apuntou que, á vista da elevada afluencia diaria deste ano, esa cifra podería igualarse ou mesmo superarse, aínda que os datos definitivos se farán públicos unha vez remate a actividade e se realice o reconto oficial.

Menor puxo o foco no carácter de espazo 'seguro, divertido e accesible' do recinto, pensado para o encontro e o desfrute en familia. Tamén incidiu na importancia de impulsar iniciativas que cheguen 'a todo o territorio', co obxectivo de que a rapazada poida participar independentemente de onde viva e, ao tempo, facilitar a conciliación nestas datas.

Outro dos eixos destacados foi o compromiso coa inclusión, con actividades adaptadas para nenas e nenos con diferentes capacidades, buscando garantir a participación en igualdade de condicións. O presidente provincial quixo recoñecer, ademais, o traballo do persoal técnico, monitorado e equipo organizador, ao considerar que o seu esforzo diario mantén Pazolandia como un referente do Nadal en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.080366134643555