A Deputación rexeita a reactivación do Comité Ético

O Partido Popular (PP) e Democracia Ourensá (DO) impediron co seu voto negativo a aprobación da moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para reactivar o Comité Ético da Deputación de Ourense, que leva paralizado desde hai case dez anos. A iniciativa requiría a “activación urxente” do Comité Ético, así como o establecemento dun procedemento transparente e independente para a elección dos seus membros, e medidas para garantir a súa autonomía funcional e a publicación anual dun informe de actividades.
No marco do debate plenario que tivo lugar hoxe, a deputada socialista Elvira Lama, defendeu a proposta ao considerala “un paso imprescindible para recuperar a confianza cidadá e garantir a existencia de mecanismos efectivos de control ético e institucional”. Lamentou, sen embargo, que “coma sempre, o PP optara por desviar a atención, reproducindo os discursos virulentos do seu partido en Madrid contra o Goberno central, fuxindo da realidade e contornas que atinxen á corporación provincial e ton totalmente impropio”.
Lama cualificou de “inaudita” a afirmación do PP de que non é necesario un código ético porque, tal e como dixeron os responsables populares, “os que se adican á política xa saben como se teñen que comportar”. A deputada socialista non puido evitar a súa “sorpresa” diante das resistencias da formación conservadora cando este instrumento está recollido na propia normativa da Deputación de Ourense e que leva unha década en situación de stand by, tras dimitir os seus membros no marco dunha denuncia por acoso sexual.
“Negarse a activar este mecanismo é negar á cidadanía o dereito de saber que quen exerce cargos públicos o fai baixo criterios éticos claros, supervisados e con consecuencias”, engadiu Lama. Segundo esta, “o PP prefire manter este baleiro institucional e agocharse tras discursos partidistas e escusas inxustificables”. O Grupo Socialista comprométese a seguir traballando por unha Deputación máis transparente, ética e con vocación de servizo público real. “Non deixaremos de insistir mentres continúe este desprezo pola rendición de contas e dignidade democrática da nosa provincia”, concluíu Lama.
EQUIDADE NO ACCESO Á EDUCACIÓN
Os socialistas lograron sacar adiante unha moción para garantir a equidade territorial no acceso á educación na nosa provincia. A iniciativa, defendida polo deputado socialista pola comarca de Valdeorras, Aurentino Alonso, puxo enriba da mesa unha problemática que afecta aos concellos do oriente ourensán: a asunción dos gastos derivados da celebración das Probas de Acceso á Universidade (PAU) no IES Cosme López Rodríguez da Rúa. “Trátase dunha clara inxustiza, que penaliza aos concellos pequenos por facilitar que o alumnado realice os exames preto da súa residencia”, sinalou Alonso.
O deputado explicou que Valdeorras é unha das tres únicas comarcas de Galicia —xunto a Viveiro e Cee— onde os concellos deben afrontar os custos vinculados á presenza do tribunal avaliador, que este ano superan os 21.000 euros. Uns gastos que deben ser repartidos de xeito alícuota entre municipios con orzamentos moi limitados, e que representan un esforzo económico desproporcionado. “Non falamos dun luxo, senón dun servizo esencial que evita longos desprazamentos ás cidades e que beneficia a mozos e mozas do rural”, afirmou.
A moción aprobada recolle a petición formal á CIUG para a eliminación destes custos, instando á Deputación a actuar como mediadora ante a Xunta de Galicia co obxectivo de acadar solucións xustas e sostibles. “A solidariedade dos concellos rurais debe ser recoñecida, non penalizada. Non se pode pedir máis compromiso a quen xa soporta as maiores dificultades estruturais”, insistiu Alonso, quen agradeceu o respaldo da corporación á proposta socialista. A iniciativa tamén inclúe o apoio explícito aos concellos afectados e á súa defensa dunha educación pública, accesible e igualitaria.
Desde o Grupo Provincial Socialista subliñaron até que punto a realidade do medio rural esixe políticas públicas sensibles e con perspectiva territorial. “Canto máis afastados estamos dos grandes centros, máis discriminación sufrimos. A nosa responsabilidade é garantir que as oportunidades educativas non dependan do código postal”, concluíu Aurentino Alonso. A moción aprobada é unha mostra máis do compromiso socialista coa xustiza territorial, a defensa do rural e o impulso dunha provincia de Ourense cohesionada e con futuro.