A Deputación salienta os 40 anos das Xornadas de Folclore como referente na dinamización cultural da provincia

As Xornadas de Folclore celebraron esta mañá a tradicional recepción institucional no salón de Plenos do Pazo Provincial. Os representantes das seis agrupacións participantes, acompañados polo director do evento, Xulio Fernández Senra, foron recibidos polo presidente da Deputación, Luis Menor, e polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández.
Menor salientou que este ano se cumpren 40 edicións das Xornadas de Folclore, “unha edición redonda que cumpre catro décadas dinamizando culturalmente o noso rural, e que son todo un orgullo para a Deputación”. Tamén quixo agradecer aos grupos o seu traballo e calidade artística, así como “a súa comprensión polas anulacións de espectáculos (ata o de agora, os de Manzaneda e Verín) se están realizando por mor dos lumes forestais que están asolando a provincia”.
Con case medio século de traxectoria, as Xornadas de Folclore consolidáronse como unha cita imprescindible do verán cultural ourensán. Nesta ocasión participan seis agrupacións chegadas de Arxentina, Chile, Filipinas, Irlanda do Norte, Ucraína e Xeorxia, que reúnen a 187 artistas e actuarán en distintos puntos da provincia ata o 21 de agosto.