A Deputación solicita unha asemblea urxente para iniciar os trámites de construción dun aparcadoiro na Finca Mariñamansa

OurenseXa
Instan á xunta de compensación da finca convocar un encontro para avanzar neeste proxecto que permitirá construír un proxecto de aparcadoiro provisional disuasorio nalgúns destes terreos
fachada-pazo-provincial-deputacion-de-ourense
11 Mar 2026

A Deputación de Ourense instou á xunta de compensación da Finca Mariñamansa a convocar, “de forma urxente e o máis axiña posible”, unha asemblea para iniciar os trámites que permitan a execución dun proxecto de aparcadoiro provisional nalgúns destes terreos. Esta medida busca minimizar a redución de prazas de estacionamento na zona como consecuencia da instalación de ramplas mecánicas na rúa Vasco Díaz Tanco, dentro do plan de mobilidade vertical previsto polo Concello de Ourense.

O presidente provincial, Luis Menor, comprometérase o pasado 2 de marzo a presentar este escrito á xunta de compensación coa finalidade de utilizar unha parte dos terreos como aparcadoiro disuasorio. Menor recibiu entón no Pazo Provincial á directiva da Asociación Veciñal da Cuña e a veciñanza do barrio, acompañado polo deputado provincial e concelleiro de Ourense, Jorge Pumar, para informarse sobre os problemas de estacionamento que xurdirían co desenvolvemento do plan municipal.

A Deputación subliña que a maior parte do barrio da Cuña foi construído entre finais dos anos 60 e 80 do pasado século e que moitas vivendas carecen de prazas de aparcamento nos baixos ou sotos. Ademais, a proximidade ao complexo hospitalario incrementa a saturación de vehículos na zona.

Segundo o organismo provincial, os terreos do sur da área de reparto da Finca Mariñamansa, destinados a viario e zona verde, son “os máis axeitados para situar un aparcadoiro disuasorio”, un uso que consideran compatible cos asignados nesta zona pola normativa vixente, polo que consideran factible desenvolver o proxecto neste espazo.

0.1220281124115