A Deputación triplica a contía das axudas para as asociacións veciñais da provincia de Ourense

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, na súa sesión ordinaria semanal, vén de aprobar as bases e convocatoria para gastos de investimento de asociacións veciñais de Ourense.
Tal e como explicou o presidente provincial na comparecencia ante os medios de comunicación, esta liña de axudas triplica a súa dotación orzamentaria, pasando de 35.000 a 100.000 euros, debido a que “cremos na importancia do movemento veciñal en Ourense”. Ademais, como novidade, as asociacións que soliciten estas axudas poderán dedicalas a pequenas obras (a axuda tería un máximo de 5.000 euros, sendo de 10.000 euros se tamén inclúe equipamento).
COOPERACIÓN COS CONCELLOS
Este foi un dos 21 asuntos que se aprobaron hoxe en Xunta de Goberno, onde se mobilizaron 647.720 euros, dos que 431.468,38 euros foron destinados á cooperación cos municipios da Veiga, Carballeda de Avia, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Cortegada, Taboadela e Viana do Bolo. Destaca precisamente a axuda para este último, de 150.000 euros, para a construción do campo de fútbol de herba artificial “As Carrelas”. Arranxo de vías e camiños, mellora de zonas recreativas e infantís, humanizacións, saneamento e equipamentos deportivos centran estas axudas.
No que atinxe á cooperación con diferentes entidades deportivas e culturais, destináronse 176.251,6 euros a Bolanda Edicións (36.251,60 euros), a Asociación Casino de O Barco (20.000 euros), a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ourense (15.000 euros), a Asociación Deportiva Bosco (30.000 euros), o Club Balonmán Ribeiro (40.000 euros) e a Unión Deportiva Ourense (35.000 euros), que reciben achegas para gastos de funcionamento e para diferentes acondicionamentos nas súas sedes.
PREZOS PÚBLICOS PARA SERVIZOS
Na mesma sesión da Xunta de Goberno aprobáronse os prezos públicos de dous servizos prestados pola Deputación: as escolas deportivas de verán e os ecobarcos para rutas turístico-fluviais nos encoros de Castrelo de Miño, Frieira e As Conchas.
Para ás escolas deportivas de verán, o prezo máximo será de 45,26 euros por usuario e semana.
O prezo dos ecobarcos será de 14€/persoa, sendo a metade (7€) para os menores de 14 anos. Os membros de familia numerosa terán un prezo de 10euros, igual que o de persoas con discapacidade. Para alugamentos particulares, poderanse alugar durante medio día (6h máximo) por 100 euros, ou o día completo (10 horas máximo) por 180 euros. As axencias de viaxes e empresas adheridas ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destino Ourense Termal (SICTED) terán prezos de 80 euros para medio día e de 150 euros para o día completo.
Por último, resolvéronse as axudas para deportistas individuais, liña de subvencións dotada con 40.000 euros. “Un total de 40 deportistas da nosa provincia recibirán entre 1.600 euros e 500 euros de subvención pola súa destacada traxectoria en diferentes categorías de todo tipo de disciplinas deportivas”.