A dirección da Área Sanitaria nega as acusacións dos sindicatos e asegura que tomará medidas ante as ondas de calor

Tras as recentes denuncias realizadas polos sindicatos SATSE e CCOO sobre as condicións de traballo do persoal sanitario de Ourense durante a onda de calor, a dirección da Área Sanitaria de Ourense nega estas acusacións e asegura que “en ningún caso se rexeitou a adopción de medidas para mellorar o confort térmico do persoal. Ao contrario, estanse realizando intervencións continuadas dentro das posibilidades técnicas e legais dispoñibles”.
Sinalan que a maior parte dos espazos hospitalarios contan con climatización, agás en áreas moi puntuais. Ademais, os centros de saúde de nova construción dispoñen de sistemas de climatización eficientes, o que reflicte o compromiso progresivo coa mellora das condicións estruturais.
Actualmente, lembran, está en marcha a construción dun novo edificio no Hospital Universitario que permitirá resolver de forma definitiva as necesidades de confort térmico e eficiencia enerxética.
A dirección lamenta os episodios de malestar térmico que puideran terse producido, pero lembra que todas as intervencións deben respectar os criterios técnicos de potencia eléctrica e seguridade, especialmente en instalacións sanitarias.
Así mesmo, comprométense a actuar en todo o que sexa viable sen requirir procesos de licitación ou prazos administrativos longos. De feito, xa está prevista para este mesmo xoves a instalación de equipos portátiles de climatización nas unidades de hospitalización que non están conectadas ao sistema xeral.
Finalmente, a Área Sanitaria de Ourense reafirma o seu compromiso coa saúde laboral e a calidade asistencial, e asegura que continuará traballando para mellorar as condicións de traballo de todos os seus profesionais.