A DXT inicia en Ourense unha campaña de control do uso do cinto de seguridade e sistemas de retención infantil

OurenseXa
En Ourense, dende o 1 de xaneiro do 2024, perdéronse 3.132 puntos por esta cuestión
presentacion-nova-campaña-dxt-ourense
Presentación dunha nova campaña da DXT en Ourense
10 Mar 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañou esta mañá ao xefe provincial de Tráfico, David Llorente, e ao capitán xefe do Subsector de Tráfico, Javier Barja, na presentación dunha nova campaña de control do uso do cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil (SRI) posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico, que tivo lugar a Estación de Servizo de Bemposta, na estrada OU-105.

Desde o ano 2022, coa entrada en vigor da nova reforma da Lei sobre Tráfico, circulación de Vehículos de motor e Seguridade viaria, a sanción por non facer uso destes sistemas de seguridade é de 200 euros e a perda de 4 puntos para o condutor e a sanción económica se quen non emprega o cinto é un pasaxeiro. En Ourense, dende o 1 de xaneiro do 2024, perdéronse 3.132 puntos por esta cuestión, cifra que só se atopa por detrás dos subtraídos por consumo de alcohol e drogas e por exceso de velocidade.

Por este motivo, a DXT pon en marcha en todo o territorio, do 10 ao 16 de marzo, unha nova campaña especial de control do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil. A Garda Civil de Tráfico, xunto con varias Policías Locais da provincia (Ourense cidade, O Barco, Xinzo de Limia e Trives), vixiarán con maior intensidade as estradas ourensás e vías urbanas realizando numerosos controis; aos que se suman catro paneis de tráfico que contan con cámaras de vixilancia para supervisar o emprego desta medida de protección.

O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, destacou que se trata dunha “campaña pertinente e necesaria, xa que o ano pasado, nunha campaña similar, detectáronse 1.000 casos en Galicia nos que se estaba cometendo esta infracción. Ademais, o 20% dos falecidos nas estradas galegas non levaban posto o cinto. Está comprobado que é un gran invento para a mellora da seguridade viaria”. Neste senso, os datos son claros, xa que o uso do cinto reduce á metade o risco de falecemento en caso de accidente e nun 77% en caso de envorcar do vehículo. “Non se trata de sancionar, senón de salvar vidas”, concluíu.

Pola súa banda, o xefe provincial de Tráfico, David Llorente, coincidiu co subdelegado nesta mensaxe pedagóxica. “Gustaríanos lembrar que o cinto de seguridade é un dos inventos que máis vidas salvou na historia. 50 anos despois da súa obrigatoriedade en España, o único falecido na nosa provincia por sinistro mortal de tráfico no que vai de ano non facía uso do mesmo”, destacou.

Ademais, incidiu na importancia do uso deste elemento “en todo tipo de vehículos”, poñendo o foco nos autocares, nos que a DXT observa unha diminución importante do emprego do mesmo.

⚙ Configurar cookies
0.10268306732178