A Escola de Artes e Oficios da Deputación abre o curso con récord histórico de alumnado

A Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense iniciou hoxe oficialmente o curso 2025-2026 cunha cifra de matrícula sen precedentes, ao superar os 250 persoas inscritas nas distintas actividades ofertadas.
O acto de inauguración contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, quen destacou que este nivel de participación confirma o bo momento que vive esta institución cultural provincial.
A escola ofrece formación en debuxo e pintura, talla en madeira, modelado en arxila e cerámica, disciplinas que nos últimos anos experimentaron unha demanda crecente. Este incremento vincúlase coa decisión da Deputación de ampliar o horario das clases e reforzar o cadro docente, o que permitiu duplicar a súa dispoñibilidade.
As sesións impártense en horario de tarde, entre as 16.00 e as 21.00 horas, organizando grupos en función da matrícula e das necesidades do alumnado. Ademais, os estudantes teñen a oportunidade de mostrar o seu traballo en exposicións que se veñen celebrando tanto na biblioteca pública Nós como no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Entre as disciplinas, debuxo e pintura concentra a maior demanda, con algo máis de 90 inscritos, seguida pola cerámica, con 80. Pola súa parte, talla en madeira e modelado en arxila suman arredor de 40 participantes cada unha.
Na apertura do curso, o director da escola, Francisco González, agradeceu a confianza depositada polos estudantes e subliñou a importancia de combinar formación artística con proxección social, e salientou que a decisión da Deputación de ampliar o horario lectivo foi clave para poder acadar este récord.