A Escola de Música Tradicional de Esgos abre o novo curso con reunión informativa o 13 de setembro

O Concello de Esgos anuncia o inicio do curso 2025-2026 da súa Escola de Música Tradicional cun encontro aberto a toda a veciñanza o vindeiro sábado 13 de setembro ás 18:00 horas. A cita, que terá lugar na Praza da Souteira, fronte ao edificio consistorial, servirá para presentar o funcionamento das clases e resolver dúbidas das persoas interesadas en inscribirse.
Nesta edición, a escola ofrecerá formación en tres instrumentos clave da música popular galega: pandeireta, gaita e percusión. As sesións terán lugar os sábados pola tarde, con horarios que se concretarán en función das necesidades do alumnado.
Dende a organización destacan que este proxecto busca manter viva a tradición musical, ao tempo que fomenta a participación cultural e o encontro interxeracional. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar cos teléfonos 659 368 196 e 638 459 164 ou seguir as novidades a través da conta de Instagram da Banda de Gaitas de Esgos (@bandadegaitases_esgos).