A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense entregou os premios do seu Hackathon de Intelixencia Artificial

OurenseXa
No evento participaron 30 estudantes que puxeron a proba as súas competencias afrontando distintos retos vencellados ao uso de cámaras de acción
uvigo-premios-ngeniieria-informatica
11 Apr 2025

A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do campus de Ourense celebrou este xoves a entrega de premios do seu Hackathon de Intelixencia Artificial, unha iniciativa promovida polo grupo de investigación LIA2 – Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada. A cita tivo lugar a pasada fin de semana nas instalacións do centro e contou coa participación de 30 estudantes dos graos en Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática, cubrindo así todas as prazas dispoñibles.

Esta actividade forma parte do programa Grado2, impulsado pola ESEI, que ten como obxectivo achegar ao alumnado coñecementos complementarios ao plan de estudos, con aplicación directa no ámbito profesional. Desde a organización destacou-se a implicación do estudantado, que aproveitou a ocasión para desenvolver tanto capacidades técnicas como outras habilidades clave como a creatividade, o traballo en equipo e a resolución rápida de problemas.

O Hackathon deixou dous equipos gañadores, que recibiron un premio de 100 euros cada un. O primeiro estaba formado polos estudantes David Asensio, Lucas González e Santiago Rodríguez; o segundo, por Javier Pérez, Sergio González e Lucas González. Ambos foron recoñecidos nun acto celebrado este xoves, presidido por Arno Formella, director da ESEI.

O obxectivo principal da competición foi que o alumnado dos graos de Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo puxese a proba as súas competencias ante distintos desafíos relacionados co uso de cámaras de acción e o procesado automático de vídeos de aventura. A actividade comezou o venres 4 de abril cunha presentación no salón de graos, na que se explicaron as bases da competición e se fixo a repartición por equipos. O sábado 5, os participantes abordaron distintas fases do reto, dende a configuración do hardware e a extracción de datos ata a análise avanzada de imaxes e vídeos e o postprocesado. O obxectivo final era desenvolver solucións orixinais e eficientes empregando técnicas de intelixencia artificial.

⚙ Configurar cookies
0.16609001159668