“A Esgrima Antiga require documentación, estudo histórico e moita dedicación”

A esgrima antiga é moito máis que un deporte; é un arte marcial que conecta pasado e presente, onde cada movemento ten detrás anos de estudo, interpretación de tratados históricos e paixón pola recuperación de técnicas que outrora definiron aos espadachines europeos. Así o explica Diego Conde, director da Asociación Ourensá de Esgrima Antiga, precursor deste arte na provincia.
Fundada en 2008, a asociación naceu por iniciativa dun grupo de amigos. “Quería facelo, pero para practicar non había nada na cidade. Tampouco había esgrima deportiva”, lembra Conde. “Reunímonos un grupo de amigos e comezamos a adestrar en maio dese ano, coincidindo co evento da Casa da Xuventude. Traxemos incluso expertos da Coruña para impartir demostracións”. Pouco despois, a asociación foise consolidando e hoxe en día supera as 30 persoas activas.
A asociación conta con dúas escolas: unha de espada ropera e outra de espada longa. “Manter dúas escolas non é fácil, pero permítenos centrarnos en cada disciplina e organizarnos mellor”, explica Conde. Lembra ademais que esta disciplina vai moito máis alá de brandir unha espada ao chou; cada golpe, cada postura, cada desprazamento está medido, pensado e documentado. E é que detrás dela hai un inmenso traballo documental e de estudo sobre tratados históricos, moitas veces difíciles de atopar.
“A Esgrima Antiga”, insiste, “é moito máis que un arte marcial. Comezamos estudando tratados dos séculos XVI e XVII, interpretando as destrezas desa época. É un arte marcial que se desenvolveu na Península Ibérica e que require documentación, estudo histórico e moita dedicación”, explica. De feito, el mesmo forma parte tamén dun comité editorial centrado en tratados históricos, coordinado por Manuel Valle, médico e bibliófilo, que rastrexa bibliotecas e museos en busca de textos esquecidos. “Publicamos máis de 14 libros, entre tratados antigos e obras modernas sobre esgrima histórica”, sinala.
A paixón de Diego polas espadas non xurdiu de súpeto: desde neno sentíase atraído por elas e polos xogos de rol. “Sempre fun moi ‘friki’. Cando descubrín a esgrima histórica por internet fascinoume e engánchame”, confesa. Neste sentido, recalca a necesidade de acabar cos estigmas que rodean non só esta disciplina, senón moitas outras, aínda que recoñece que a situación vai mellorando. “Cando comezamos en 2008 había en toda España unhas 300 persoas practicando esta disciplina. Agora hai máis de 3.000”.
En canto ao material utilizado, Conde explica que o club fai fincapé na seguridade e na técnica. Utilízanse réplicas de espadas históricas sen filo nin punta, xunto con proteccións adecuadas. “Unha espada ropera pesa entre 900 gramos e un quilo, moito máis que unha espada deportiva de 400-500 gramos. Priorizamos cubrirse e aprender técnica, non os saltos tolos ou ataques ao chou”, explica. Ademais, para quen queira iniciarse, insiste en que non é un deporte “caro”, como poden ser outros como o esquí. “O equipamento básico para comezar é accesible. Hai moitas opcións; obviamente podes gastar moito diñeiro, pero se buscas material de iniciación hai moitas opcións económicas”. Ademais, lembra que na asociación dispoñen de material totalmente gratuíto para comezar.
Conde anima a todas as persoas con interese ou curiosidade por esta disciplina a acudir á asociación. “Que veñan e proben e, se lles gusta, que se queden. O noso obxectivo non é competir. Cada un pode achegarse á esgrima histórica como queira: de xeito lúdico ou con profundidade. O bonito é que cada persoa pode atopar o seu camiño e gozar dun arte que desapareceu por razóns sociais, pero que agora podemos recuperar e vivir”.
Ademais dos adestramentos, desde a asociación levan a cabo outras actividades de tipo cultural. Este verán, por exemplo, estiveron presentes no verán cultural de Seixalbo. “Sempre tentamos divulgar, colaborar con asociacións culturais e amosar que a esgrima histórica non é só un deporte, senón un patrimonio cultural cheo de historia”, afirma.