A execución das obras na Avenida das Caldas atrásase ata despois do Nadal

O corte de tráfico da Avenida das Caldas aprázase até despois das Festas do Nadal. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, explica que atendendo a petición realizada por comerciantes do barrio da Ponte, solicitou á Xunta de Galicia que aprazase o peche desta rúa para a execución de obras, que a administración autonómica tiña previsto levar a cabo desde o vindeiro luns, día 9, até o venres, 20 de decembro, no marco do proxecto do eixo de mobilidade sostible entre a estación intermodal e a Ponte Vella.
O rexedor demandaba adiar o corte de tráfico ao día 7 de xaneiro, “coa finalidade de evitar prexuízos ao sector comercial, durante un dos seus períodos máis importantes de actividade e vendas do ano, evitar dificultades na organización do tráfico, non ocasionar molestias no tránsito peonil da zona, especialmente intenso durante estas datas, e facilitar o axeitado desenvolvemento das actividades previstas para a celebración do Nadal”.
A Xunta de Galicia atendeu esta solicitude e comunicoulle ao Concello que atende esta petición, polo que se apraza o corte de tráfico.