A executiva provincial do PSdeG define o calendario de cara ás primarias e ao V Congreso Provincial

OurenseXa
O proceso comezará o sábado 22 de marzo coa celebración do Comité Provincial, no que se deberá ratificar o calendario, seguirá coa votación á secretaría xeral o domingo 27 de abril e finalizará coa celebración do V Congreso Provincial o 18 de maio
Executiva_psoe_Ourense
15 Mar 2025

A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter unha reunión ordinaria na que se definiu o calendario orgánico para as próximas semanas, co fin de proceder á celebración das eleccións primarias a secretaría provincial e do V Congreso Provincial Ordinario. As e os socialistas destacan que “estamos ante un novo proceso no que prima a participación democrática de toda a militancia para seguir a construír o mellor proxecto socialista ourensán”.

O proceso comezará o sábado 22 de marzo mediante a celebración do Comité Provincial en Lobios, no que se debaterá e ratificará a proposta de calendario, no que destacan datas como a presentación de precandidaturas (27 de marzo a 3 de abril); a recollida e presentación de avais (4 a 11 de abril); a campaña de información (17 a 26 de abril) e a proposta de candidaturas dos delegados ao V Congreso (25 de abril).

A votación á secretaría xeral realizaríase o domingo 27 de abril. No caso de ser precisa unha segunda volta, esta tería lugar o domingo 4 de maio. Logo das xornadas de votación e ata a celebración do Congreso, haberá tempo para traballar no relatorio marco que fixará a orientación do proxecto para os vindeiros anos. O proceso finalizará co V Congreso Provincial Ordinario, previsto para o domingo 18 de maio.

As e os socialistas ourensáns seguirán a ser o “instrumento máis útil para traballar por todos os ourensáns, co fin de dar resposta aos seus problemas e para impulsar o presente e o futuro da provincia”, aseveran. Ao fío disto, a Comisión Executiva fixo balance da situación actual e destacaron que o obxectivo “é seguir traballando na procura de que Ourense avance e resolver as necesidades da provincia”.

Así pois, a Comisión Executiva Provincial concluíu confirmando a “necesidade” de que a nova formación resultante deste proceso democrático dos e das socialistas “continúe nesta mesma liña ascendente”, co fin de “manter o rumbo” para “avanzar por Ourense”

⚙ Configurar cookies
0.32030487060547