A exposición ‘Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia’ xa pode visitarse en Ourense

OurenseXa
A mostra destaca o labor das autoras e autores dende 1950 ata a actualidade, reflectindo o papel clave da editorial na evolución cultural da Galicia contemporánea e a súa proxección exterior
inaguracion-mostra-crar-porvir
Inaguración da mostra ‘Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia’
22 May 2025

Con motivo da celebración do 75 aniversario de Editorial Galaxia, ponse en marcha a exposición itinerante Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia, unha mostra que percorre a historia da editorial dende a súa fundación en 1950 ata hoxe, destacando o seu papel esencial na evolución cultural da Galicia contemporánea e na súa proxección máis aló das nosas fronteiras.

A inauguración tivo lugar esta mañá na Sala de Exposicións Afundación de Ourense, nun acto ao que asistiron Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Antón Vidal Andión, presidente de Editorial Galaxia; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; Santiago Camba Bouzas, vicepresidente de Afundación; María Teresa Cores, coordinadora da Área de Cultura; e María Dolores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, comisaria e comisario da mostra, así como unha ampla representación do mundo editorial e cultural galego.

A exposición Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia está comisariada por un equipo de referencia no ámbito dos estudos académicos en Galicia e a nivel internacional, dirixido polo presidente da Real Academia Galega, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, director da Cátedra Castelao da mesma universidade e da revista Grial, Henrique Monteagudo, acompañado pola profesora de literatura galega María Dolores Villanueva Gesteira, e polo catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva Fernández.

Neste proxecto destaca o labor de autoras e autores como Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Paco Martín, Xohana Torres, Carlos Casares, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Paula Carballeira, Domingo Villar, Xesús Fraga, Xosé Manuel Núñez Seixas, Marilar Aleixandre…; de editores como Carlos Casares e Víctor F. Freixanes…; e dos fundadores da editorial, como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego; ademais de títulos que axudaron a conformar o panorama literario de Galicia, ofrecendo unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia.

A mostra estrutúrase en catro bloques temáticos que convidan a percorrer a literatura e as súas autoras e autores, dende o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio; o ensaio e o pensamento galegos, con estudos sobre a lingua, a historia, a sociedade e a ecoloxía, así como proxectos de referencia como a revista Grial; a tradución e a proxección internacional, co galego como lingua de recepción e creación universal; e a literatura infantil e xuvenil, na que Galaxia foi pioneira con coleccións e espazos dirixidos ao público máis novo. A exposición conta tamén cun espazo para público infantil que convida á lectura e ao goce da edición destinada ás idades máis temperás.

O deseño expositivo correu a cargo do estudo Desoños, que propón unha especie de bosque de estruturas móbiles onde se destacan, dun xeito visual e dinámico, os nomes, publicacións e feitos singulares desta traxectoria. As estruturas están precedidas por un túnel do tempo, cos fitos máis relevantes destes 75 anos. O deseño cumpre tamén co reto de adaptarse ás distintas sedes onde se instalará a mostra.

Outro aspecto destacable é a inclusión dunha peza audiovisual, dirixida por Ana Viqueira e producida por Nós TV, que recolle testemuños de personalidades vencelladas a Editorial Galaxia sobre a súa produción literaria.

A exposición Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia percorrerá Galicia ao longo do ano 2025, facendo escala nas sete grandes cidades galegas. En xullo chegará a Ferrol, tamén na Sede de Afundación, e tras o verán instalarase nos meses de setembro e outubro no Café Moderno Afundación de Pontevedra. A Coruña acollerá a mostra entre outubro e novembro na Fundación Luís Seoane, e o percorrido rematará en Vigo, onde poderá visitarse entre decembro de 2025 e xaneiro de 2026 na Sede Afundación da cidade.

Ao longo destes 75 anos, Galaxia publicou preto de 3.500 títulos, con obras de máis de 1.500 autoras e autores, consolidándose como un proxecto esencial para a edición en lingua galega, cunha aposta firme pola dignidade e normalización da nosa lingua e cultura. A singularidade desta empresa reside no seu compromiso político e cultural, así como no feito de reinvestir os beneficios na propia editorial. Ao longo da súa traxectoria, foi recoñecida con galardóns tan relevantes como a Medalla de Ouro de Galicia e o Premio da Cultura Galega, en recoñecemento á súa contribución á nosa identidade e á modernización cultural, ademais de contar con numerosos premios estatais que poñen en valor a nosa creación literaria.

A exposición poderá visitarse ata o 28 de xuño, de luns a venres en horario de 17:30 a 20:30 h, e os sábados e domingos de 12:00 a 14:00 h e de 17:30 a 20:30 h, na Sala de Exposicións Afundación de Ourense.

0.11329007148743