A exposición "Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel" chega a Allariz

OurenseXa
Poderá visitarse ata o vindeiro 3 de marzo na Casa da Cultura
mostra-destino-aallariz
29 Jan 2026

O Concello de Allariz, ABANCA e Afundación inauguraron este xoves a exposición "Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel", unha mostra fotográfica que forma parte do programa "Corrente cultural", impulsado por ABANCA e Afundación en colaboración con distintos concellos galegos.

O acto de apertura contou coa participación da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid Fernández; de Mateo Alonso San Román; e da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 3 de marzo na Casa da Cultura de Allariz, de luns a venres, en horario de mañá e tarde.

A mostra reúne o traballo do fotógrafo galego Manuel Valcárcel en catro peregrinacións realizadas en distintos puntos do mundo: o Tíbet, Senegal, México e Galicia. A través da fotografía documental, o autor propón un percorrido visual que conecta realidades diversas e reflexiona sobre cuestións universais como a identidade, a emigración, a familia, o envellecemento ou a procura dun fogar.

"Destino" formula a viaxe como unha experiencia colectiva e, ao mesmo tempo, como un proceso de reflexión persoal, no que as imaxes acompañan o espectador nunha narración marcada pola emoción e a cor.

Esta exposición continúa así a súa itinerancia por diferentes localidades galegas dentro do programa "Corrente cultural", unha iniciativa que busca achegar a cultura a distintos territorios grazas á colaboración entre Afundación, ABANCA e as administracións locais.

⚙ Configurar cookies
0.074360847473145