A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebrou a súa semana internacional

OurenseXa
Nesta edición participaron doce docentes procedentes de Polonia, Lituania, Portugal, Alemaña e Italia, así como dez estudantes da Universidade de Bremerhaven (Alemaña)
semana-internacional-facultade-de-turismo
International Week 2025
27 Apr 2025

Esta semana tivo lugar no campus de Ourense a International Week 2025, o encontro anual coa internacionalización da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Durante cinco días, alumnado e profesorado deste centro compartiron actividades académicas, investigadoras e culturais con docentes de distintas universidades europeas e estudantes alemáns.

O programa comezou o luns e prolongouse ata o venres, e contou na súa inauguración coa participación do vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez. Xunto a el estiveron tamén presentes a decana da facultade, Mª Montserrat Cruz; a coordinadora de Internacional, Mª Beatriz González; e a profesora Elena Shakina. Nas súas intervencións destacaron a aposta decidida pola internacionalización do centro e os resultados positivos que esta iniciativa acada edición tras edición, poñendo en valor a súa riqueza tanto académica como persoal para as persoas participantes.

Nesta edición participaron doce docentes procedentes de Polonia, Lituania, Portugal, Alemaña e Italia, así como dez estudantes da Universidade de Bremerhaven (Alemaña), coa que o centro ourensán mantén unha longa relación de colaboración, da que xurdiu, entre outros proxectos, un dobre grao en ADE. Por parte da facultade, tomaron parte arredor de corenta persoas, entre profesorado e alumnado do Grao en Administración e Dirección de Empresas. A coordinación estivo a cargo de Beatriz González, Francisco Reyes, Elena Shakina e Mª Montserrat Cruz.

Ao longo da semana desenvolveuse unha programación variada que combinou aspectos culturais, académicos e de investigación. O luns, o grupo visitou a cidade de Ourense, mentres que a partir do martes as actividades se centraron no campus. A xornada inicial estivo dedicada ás relacións interculturais, co obxectivo de promover a comprensión e colaboración en contornas académicas mediante a conciencia cultural e a inclusión. Celebráronse seis conferencias sobre temas como a evolución do turismo de masas, o turismo intelixente ou as oportunidades de negocio na xestión e valorización de residuos.

O mércores a atención centrouse no turismo e na economía de servizos, con especial foco nas innovacións e retos destes sectores, así como nas prácticas sostibles en Galicia e Ourense. O xoves celebrouse unha xornada de investigación conxunta co programa de doutoramento en Análise Económica e Estratexia Empresarial da Universidade de Vigo e o centro Ecobas, centrada no intercambio de proxectos e coñecementos entre alumnado e persoal investigador. Ademais, tivo lugar unha sesión interactiva con estudantes galegos e alemáns sobre xestión baseada na evidencia e métodos experimentais.

A actividade pechouse o venres cunha sesión dedicada ao ensino potenciado por intelixencia artificial, onde se abordaron os seus beneficios, os desafíos asociados e as consideracións éticas necesarias.

⚙ Configurar cookies
0.16667985916138