A Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrou as fases finais da XIII Liga de Debate

OurenseXa
A competición, que se organiza anualmente desde 2012, contou este ano coa participación de oito equipos integrados por 21 estudantes
Equipo ganador da XIII Liga de Debate do Campus de Ourense
22 Dec 2024

A Facultade de Dereito do campus de Ourense foi escenario esta semana das semifinais e a final da XIII Liga de Debate, coordinada polo catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo, Pablo Raúl Bonorino. Nesta edición, os equipos finalistas debatiron sobre un tema de gran actualidade e controversia: a abolición da pornografía. A actividade mantén a súa tradición de propoñer cuestións que xeran posturas polarizadas a favor e en contra.

A competición, que se organiza anualmente desde 2012, con excepción do paréntese pola pandemia, contou este ano coa participación de oito equipos integrados por 21 estudantes de cuarto curso do Grao en Dereito do campus de Ourense. Durante varias semanas, os equipos participaron en diferentes quendas clasificatorias ata chegar á final. Nesta última xornada, tras un sorteo para asignar as posturas a defender e con tempos cronometrados, leváronse a cabo tanto as semifinais como a gran final, onde os equipos expuxeron os seus argumentos e contraargumentaron os do equipo contrario.

Na final enfrontáronse os equipos "Rodaballos" e "La Vieja Guardia". Tras unha intensa deliberación, o xurado escolleu como equipo gañador a "Rodaballos", mentres que o recoñecemento ao mellor orador da final foi outorgado a un integrante de "La Vieja Guardia". Curiosamente, o equipo gañador defendeu a postura de que non se debería abolir a pornografía.

Segundo a organización, esta actividade ofrece cada ano unha valiosa oportunidade para que as persoas participantes desenvolvan, nunha contorna didáctica, habilidades como o diálogo respectuoso, a argumentación sólida e a capacidade de debater con rigor. Estas competencias son fundamentais en xeral, pero resultan especialmente importantes para o exercicio profesional en ámbitos como o xurídico.

0.21675610542297