A Federación Española de Teatro Universitario premia a aula de teatro do campus de Ourense
A Federación Española de Teatro Universitario acada de conceder os seus premios anuais e entre as obras galardoadas está As cidades agochadas, da aula de teatro do campus de Ourense Maricastaña. Concretamente, a peza acadou o premio ao mellor espazo escénico e foi finalista nas categorías de mellor dirección, iluminación e cartaz (neste último caso en referencia á Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense Miteu).
O galardón recaeu en Fernando Dacosta, responsable do espazo escénico da obra e o seu director, ademais de responsable das aulas teatrais do campus de Ourense. Moi satisfeito e agradecido de ter acadado este recoñecemento, Dacosta salienta que se suma aos xa conseguidos pola peza no FITUT, o Festival Internacional de Teatro Universitario de Tánxer (Marrocos), onde As cidades agochadas foi recoñecida pola defensa dos dereitos humanos e como mellor obra experimental.
Con dramaturxia do propio Fernando Dacosta, As cidades agochadas está inspirada en As cidades invisibles, obra de Italo Calvino, e preséntase como “unha historia que nos fala das cidades desde a lembranza, o desexo, a morte, o poder e o misterio. O emperador domina pero non coñece. A viaxeira coñece pero non quere dominar. Ambos os dous soñan cidades, relatan cidades, escoitan e vomitan cidades mentres se van coñecendo mutuamente na viaxe definitiva”. No marco desta historia, Dacosta explica que no espazo escénico da obra quixeron abordar “múltiples cidades imaxinarias, agochadas: a cidade e a morte, a cidade e o poder, a cidade e o desexo, etc. e todo iso acabámolo facendo con tres escaleiras, con elementos como cordas e cubos e cos espazos escénicos do emperador, que representaba o poder, e da viaxeira, que representa as ansias e a necesidade de coñecemento, e a súa confrontación”.
Con este galardón péchase o percorrido de As cidades agochadas, froito do traballo da aula de teatro do campus de Ourense Maricastaña o pasado curso académico e que xirou ao longo de 2023 por diferente festivais teatrais estatais e de países da contorna, como Marrocos e Portugal. A aula xa está a piques de estrear a súa nova proposta para 2024, proposta que, agardan, colleite tan bos resultados como a agora galardoada.