A Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense celebrará o XXII Foro da Igualdade en Celanova

OurenseXa
Será o 18 de abril baixo o lema “Mulleres que transforman. Conciencia, prevención e cambio fronte ás violencias machistas”
femuro
11 Apr 2026

O Auditorio Ildura de Celanova acollerá o XXII Foro da Igualdade, unha cita organizada pola Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO), coa colaboración do Concello de Celanova e da Xunta de Galicia.

O encontro celebrarase o sábado 18 de abril baixo o lema “Mulleres que transforman. Conciencia, prevención e cambio fronte ás violencias machistas”, e contará cun programa centrado na reflexión, o debate e a sensibilización arredor da igualdade e a loita contra as violencias machistas.

A xornada comezará ás 10:30 horas cun acto de benvida no que participarán Maribí Álvarez Campos, vicepresidenta de FEMURO, e unha representación da Xunta de Galicia. A continuación, ás 10:45 horas, terá lugar unha mesa redonda baixo o título “Mulleres que transforman”, na que intervirán Isabel García Núñez, capitá xefa do Centro de Cooperación Policial Aduaneira de Ayamonte-Huelva, Uxía Oviedo de Dios, alcaldesa de Maceda, e Patricia Doval Rodríguez, presidenta da Comisión de Árbitros de Fútbol Sala.

A programación continuará ás 12:15 cun monólogo titulado “O comezo do mundo”, a cargo de Soledad Felloza, mentres que o peche da xornada está previsto para as 13:45 horas, coa participación dunha representación da Deputación de Ourense e de María Álida Iglesias Gil, xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno en Ourense. O encontro incluirá tamén unha actuación musical. A xornada concluirá ás 14:15 horas cun xantar organizado pola Asociación de Mulleres Rurais, no refectorio de Celanova.

cartel-foro-igualdade-femuro
0.11969518661499