A feira Antiq Auria pecha a súa novena edición con preto de 3.000 visitas

A Feira Internacional de Antigüidades, Antiq Auria, pechou este domingo a súa novena edición consolidándose como unha das principais feiras do norte de España e Portugal. Un total de medio cento de expositores procedentes de cinco países participaron nesta edición, que recibiu preto de 3.000 visitas ao longo de todo o fin de semana, sendo o domingo o día de maior afluencia e superando as cifras dos anos anteriores.
Un dos momentos máis destacados da feira foi a gran subasta celebrada o domingo ao mediodía. Os visitantes e expositores tiveron a oportunidade de poxar por pezas únicas, cuxo prezo inicial foi de 5 euros. A peza que alcanzou a maior poxa foi un reloxo de guarnición francés estilo Napoleón III, de finais do século XIX, que se adxudicou por 75 euros. Desde Memoria Antiga, a Asociación de Anticuarios de Ourense organizadora do evento xunto con Expourense e a Deputación Provincial de Ourense, sinalan que “é un prezo moito menor do seu valor real, pero as subastas teñen esta vantaxe para o comprador”.
Con este evento finaliza a última feira do mes de novembro en Expourense. A próxima cita será o VI Congreso Internacional sobre Turismo e Deporte – Sportur Galicia, que terá lugar os días 11 e 12 de decembro e dará inicio á tempada de pista de atletismo. Ademais, os días 5 e 6 de decembro, Expourense acollerá o Congreso “Ourense, Territorio Emprendedor 2025”, un evento organizado por AEPA Ourense (Asociación Empresarial de Profesionais Autónomos de Ourense).